Bombeiros dos parques comarcais de toda Galiza maniféstanse por unhas condicións de traballo dignas
Bombeiros e bombeiras dos parques comarcais de toda Galiza manifestáronse este xoves dende a sede do parlamento até o complexo administrativo da Xunta en San Caetano para reclamar condicións de traballo dignas e un convenio único que recoñeza a profesionalidade do sector. O colectivo, integrado por unhas 500 traballadoras/es que está en folga indefinida, demanda das administracións que fixen un calendario de negociacións para igual as condicións de todas as e os bombeiros de Galiza e que se cumpra coa sentenza do TSXG que lles recoñece como persoal laboral fixo.
Ao remate da protesta, a representación do persoal fixo entrega dun texto convenio para dignificar e unificar as condicións de todo o colectivo (tal e como marca a Lei de Emerxencias de Galiza), xa que agora mesmo, segundo explicou Ángel Moldes, delegado da CIG e voceiro da mesa intersindical, "hai sete convenios diferentes, con condicións moi dispares". Esta falta de harmonización deriva da planificación dos parques comarcais, cuxa xestión fora entregada no seu día a empresas privadas.
Esta privatización levou a un deterioro manifesto do servizo e tras unha dura loita sindical, as administracións responsábeis, Xunta e Deputacións, recuperaron a xestión dos parques a través dos Consorcios Provinciais, mais sen unificar as condicións de traballo nin melloralas.
Moldes subliñou que as e os bombeiros padecen unhas condicións de auténtica precariedade, con salarios de miseria e unha carga de traballo excesiva. "O que reclamamos é saír da pobreza na que nos sumiu a xestión indirecta das Emerxencias en Galiza. Arrastramos condicións de traballadores/as de empresa e non se nos recoñece nin a nocturnidade, nin a perigosidade nin nada. Queremos negociar unha RPT que valore o noso posto como é debido", aseverou.
Advertiu que o mal dimensionamento dos parques comarcais provoca que o persoal teña que realizar por sistema horas extraordinarias e recalcou que se a prestación do servizo está garantida "é grazas ao esforzo dos e das profesionais que temos unha xornada de 1800 horas, que é a máis alta que recolle o Estatuto das persoas traballadoras, e ademais realizamos unhas 200 horas extras ao ano cada un".
Ángel Moldes indicou que as mesas de negociación están paralizadas dende antes das eleccións municipais e ante a falta de avances, o colectivo acordou iniciar mobilizacións e ir á folga indefinida en defensa dos seus dereitos. Como medida de presión, decidiron non realizar horas extraordinarias e "só con esta medida vese claro que o servizo está totalmente minimizado en canto ao persoal, e por iso teñen que pechar os parques, porque non dan cuberto os mínimos".
Criticou que malia o prexuízo e o risco que implica o peche de parques comarcais en numerosos puntos do país, "ás administracións dálles igual, seguen sen querer negociar e nin sequera avisan os concellos de que non teñen a cobertura que deberían". O voceiro do persoal salientou que os cadros están tan axustados que os servizos mínimos decretados son, en lugares como Pontevedra, o calendario laboral "que están a incumprir a diario".
O delegado da CIG foi moi crítico coa actuación da Xunta de Galiza que está a boicotear calquera intento de negociación. De feito, denunciou que a Deputación de Lugo convocou a representación social para negociar mañá, venres, pero "onte a Xunta tratou de anular esa xuntanza dicindo que non se ía sentar".
Así as cousas, Moldes reiterou que se as administracións queren resolver o conflito "deben fixar un calendario de negociacións" e avanzan na aprobación dun convenio colectivo único que iguale e dignifique as condicións de todo o persoal.