Beneficios históricos da gran banca vs perdas millonarias para o Banco de España

Clodomiro Montero - 09 Abr 2024

Non foi noticia, pero o BdE, Banco de España tivo unhas perdas no 2023 de 6.612 millóns de euros, en tanto a gran banca española pasou de 20.850 millóns de euros de beneficios no 2022 a 26.335 millóns no 2023. Non é casual, é o froito dunha política monetaria que segue traspasando recursos públicos á banca privada

 Sexa Fernández (Ordóñez) ou Hernández (de Cos) os Gobernadores do Banco de España sempre están máis preocupados por exercer de tertulianos contra os dereitos sociais e laborais que por supervisar correctamente o sistema financeiro.  

17 dos 22 Ministerios que ten o Goberno do Estado, tiveron no 2023 uns orzamentos inferiores aos 6.612 millóns que perdeu o Banco de España.

 Opóñense á suba do SMI ou á actualización das pensións, á redución da xornada laboral, ou incluso ao imposto á banca. Sempre dispostos a meterse en asuntos que non son da súa competencia, pero logo as súas políticas á fronte do BdE levan a transferir inxentes recursos públicos á banca privada. Ás veces semella que os Gobernadores do BdE confunden supervisar con servir e protexer.

 Tamén resulta rechamante que na prensa e no debate político ninguén fale desas perdas multimillonarias do BdE, que van contra o Tesouro Público. Que ninguén cuestione ese traspaso de recursos públicos ás contas de resultados da gran banca, e que ninguén esixa o cesamento do Gobernador Hernández de Cos. Por lei, os beneficios do Banco de España deben ser transferidos ao Tesouro Público; neste caso, as perdas foron enxugadas con cargo a provisións, que minguaron os beneficios do BdE nos anos anteriores, polo que tiveron un impacto directo no Tesouro Público, digan o que digan.

Ningunha das consellarías da Xunta de Galiza terá no 2024 un orzamento tan elevado coma as perdas do BdE, que equivalen ao 49.8% do orzamento anual da Xunta.

  Para ter unha idea do impacto para o Tesouro Público, 17 dos 22 Ministerios que ten o Goberno do Estado tiveron no 2023 uns orzamentos inferiores aos 6.612 millóns que perdeu o Banco de España no 2023. E ningunha das consellarías da Xunta de Galiza terá no 2024 un orzamento tan elevado coma as perdas do BdE, que equivalen ao 49.8% do orzamento anual da Xunta de Galicia.

 Unhas perdas ás que hai que sumar as do Banco Central Europeo, organismo que se presupón “independente”, do que é Presidenta Christian Lagarde (exministra de dereitas francesa) e Vicepresidente Luis de Guindos (exministro de dereitas español), o BCE perdeu 7.886 millóns de euros no 2023.

 Que está pasando? Dende a crise financeira os bancos centrais inxectaron diñeiro á economía dándolle á impresora, unha das causas da suba da inflación. Estes fondos non foron inxectados directamente á economía (non hai banca pública) senón a través da banca privada, que recibiu inxentes cantidades de diñeiro público, tal como di o propio BdE “a xuros reducidos e a longo prazo”.

 Para facer fronte á inflación, provocada entre outras causas pola propia política monetaria, o BCE subiu os xuros (prexudicando a familias e empresas encarecendo os empréstitos). Agora o BdE ten que pagarlle xuros millonarios á banca privada, incluso polos depósitos realizados con diñeiro inxectado polo BCE con baixo tipos de xuros. É dicir, prestáronlle diñeiro á banca privada barato e agora os bancos só teñen que depositar ese diñeiro no BdE e lles pagan xuros máis altos. Son beneficios chovidos da impresora, mentres o cacarexado imposto á banca, ao que por certo se opuxo o BdE, supuxo só un 4% do beneficio.

 A suposta autonomía dos bancos centrais non é tal, nin as políticas monetarias son neutras. Tampouco debería ser admisible que esas perdas multimillonarias para o Tesouro Público non sexan noticia, que non haxa consecuencias políticas e un cambio de rumbo, e que non leven ao cesamento inmediato do Gobernador do BdE, Hernández de Cos, que debe ser cesado.

 

[Galiza, 9 de abril de 2024]