Bélxica: Folga xeral por aumentos salariais e conxelación do prezo da enerxía

Mateo Alaluf - 16 Nov 2022

A folga xeral en Bélxica inscríbese no mesmo movemento de continuación das mobilizacións sociais a grande escala no Reino Unido, Francia, Alemaña, Grecia, etc., que percorre toda Europa. Unha configuración na que o movemento sindical pasa a primeiro plano

 Bélxica non é unha excepción á vaga de folgas neste caloroso outono social europeo. A folga xeral decidida polas tres organizacións sindicais -a socialista FGTB (Fédération générale du travail de Belgique), o democristiá CSC (Confédération des syndicats chrétiens) e a liberal CGSLB (Centrale générale des syndicats libéraux de Belgique)- é o produto da indignación social acumulada e inscríbese na liña de numerosas mobilizacións anteriores. Xa o 21 de setembro, unha concentración sindical en Bruxelas, que pretendía ser só simbólica, se converteu nunha manifestación como resposta á impaciencia dos militantes. A folga xeral do 9 de novembro paralizou o país e foi un éxito total. Houbo unha participación masiva tanto no sector privado como no público e, sobre todo, os pequenos comerciantes e moitos autónomos uníronse aos traballadores asalariados.

Escala móbil de salarios e norma salarial

 Mentres que moitos países se beneficiaron, até os anos 80, dunha escala móbil salarial automática ligada á evolución dos prezos, Bélxica foi un dos poucos países (xunto con Luxemburgo e Malta) que mantivo este vínculo entre os salarios, as pensións e as prestacións sociais e o custo da vida, grazas á determinación e á firmeza dos sindicatos. Para os traballadores é moi importante esta indexación, xa que lles permitiu manter o seu poder adquisitivo, aínda que sexa de forma relativa, e serviu de amortecedor social durante as dificultades económicas[1]. Porén, a cambio de manter a escala móbil, os sindicatos tiveron que conceder a adopción dunha lei (a de 1996) que permite fixar un estándar salarial para "salvagardar a competitividade das empresas" en relación con Francia, Alemaña e os Países Baixos, e que por tanto bloquea os aumentos salariais máis aló do índice. A "norma salarial", que ao principio era indicativa, converteuse máis tarde en obrigatoria e as súas disposicións endurecéronse en 2017 baixo o goberno de dereita dirixido por Charles Michel [presidente do Consello Europeo desde o 1 de decembro de 2019].

 Nun sistema de relacións laborais moi institucionalizado, os representantes sindicais e empresariais reúnense cada dous anos para concluír un convenio colectivo interprofesional para todo o sector privado, o cal serve de marco para as negociacións sectoriais e por empresa. En moitas ocasións, a FGTB negouse a asinar o convenio debido ás marxes de negociación irrisorias que permite a norma salarial e exixiu a abolición da lei de 1996. As tres organizacións sindicais, enfrontadas este ano a unha marxe de negociación salarial do 0% e a un dos maiores aumentos dos prezos do gas e da electricidade en Europa, rebeláronse. O balbordo e a impaciencia resultantes da angustia de sectores moi amplos da man de obra non lles deixou outra opción que convocar unha folga xeral.

 Os sindicatos, que non podían aceptar este estancamento salarial, cuestionaron tamén a insuficiencia das axudas do goberno para facer fronte ás facturas de enerxía dos fogares e obxectaron as medidas non selectivas en favor das empresas. En particular, a redución indiscriminada das cotizacións patronais foi denunciada como un agasallo ás empresas con enormes beneficios á conta dos ingresos da seguridade social. Mentres a patronal esgrime a mellor protección dos asalariados belgas grazas á indexación, que poñería en perigo a competitividade das empresas, os sindicatos insisten no carácter parcial desta protección. Efectivamente, por unha banda, algúns produtos (como os carburantes) foron sacados do índice e, por outra, existe un desfasamento (que varía segundo os convenios sectoriais) entre o aumento dos prezos e a súa tradución en aumento salarial. Como resultado, o índice só compensa parcialmente o aumento dos prezos. Ademais, o "salto de índice"[2] operado polo goberno de Michel en 2015 provocou unha caída estrutural dos salarios. Aínda que o sistema de indexación constitúe unha protección apreciábel para os traballadores, non abonda para evitar unha diminución do seu poder adquisitivo.

Primacía do aspecto social

 O éxito da folga xeral significou unha presión para o goberno. O goberno, composto por unha alianza heteroxénea de sete partidos, está esgazado pola súa polarización entre os liberais (á dereita) e os socialistas e ecoloxistas (ao centroesquerda). Os socialistas están a favor da reivindicación sindical de que a norma salarial sexa indicativa como antes, pero os liberais, en troca, condicionan calquera cambio da lei de 1996 á supresión da indexación salarial.

 Os sindicatos recoñecen a necesidade de tomar medidas a favor das pequenas e medianas empresas que non poden facer fronte ao aumento dos prezos da enerxía. A posición da patronal (FEB-Fédération des entreprises de Belgique), que rexeita toda negociación salarial e que equipara as empresas e sectores que reparten dividendos marca aos accionistas e acumulan beneficios considerábeis coas pequenas e medianas empresas en dificultades, é unha provocación para os folguistas. Os socialistas, obrigados polo seu acordo cos liberais no goberno, non son capaces de obter unha flexibilización da lei de 1996 que abra o camiño ás negociacións salariais nos sectores prósperos. Como máximo, dentro deste goberno, podería alcanzarse un compromiso para distribuír unha bonificación aos empregados dos sectores con beneficios substanciais. Dubidamos de que os traballadores, que xa teñen a experiencia das “primas Covid”, se conformen con tal compromiso. As bonificacións e os bonos puntuais ("one shot"), amplamente utilizados polos gobernos para acougar o descontento popular, non achegan nada: son salarios baratos, non contribúen ás pensións nin á seguridade social e non disipan as preocupacións dos traballadores sobre o futuro. Un compromiso sobre as primas non faría máis que exacerbar a indignación popular.

 A indexación automática dos salarios é unha conquista que permite preservar, aínda que sexa de forma imperfecta, o poder adquisitivo dos asalariados. Malia os ataques constantes da patronal e da dereita para poñer fin a esta, o sistema resiste grazas ao compromiso inquebrantábel dos traballadores. Esta é unha vantaxe innegábel que os sindicatos souberon defender en Bélxica. Doutra banda, a lei de 1996 que subordina a negociación á norma salarial conduce á parálise das negociacións salariais. A folga xeral do 9 de novembro revela a magnitude da crise social que divide o país. Nun país en crise, profundamente dividido e coas formacións políticas debilitadas e minadas desde dentro, agora é o social o que prima sobre "o comunitario"[3].

 A folga xeral en Bélxica inscríbese no mesmo movemento de continuación das mobilizacións sociais a grande escala no Reino Unido, Francia, Alemaña, Grecia, etc., que percorre toda Europa. Unha configuración na que o movemento sindical, até o de agora relegado e dominado pola política, pasa a primeiro plano. O horizonte non só está saturado polo ascenso das forzas populistas/nativistas de extrema dereita en Europa. A conflitividade social actual tamén podería abrir outros horizontes.

_____________________________________________________________________________

Notas:

[1] En Bélxica, a indexación salarial está profundamente arraigada na historia da clase traballadora. Xa na década de 1920, o 13% dos convenios colectivos de traballo prevían un sistema de indexación salarial automática.

[2] Cando o índice de referencia (2%) é alcanzado, os salarios non aumentan: é o "salto do índice". A indexación renovarase entón, ao que os prezos suban un 2% máis.

[3] Nome que se dá en Bélxica á división entre flamencos e valóns.

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 14 de novembro de 2023]