Aumento do SMI, é de xustiza e dinamiza a economía

Manuel Mera - 09 Set 2021

No ano 2008 os ingresos dos/as asalariados representaban o 46,4% da renda e os do capital o 43,9%. Unha década despois, en 2018, o 45,6% e o 46,1% respectivamente. Non temos datos máis recentes, porén a tendencia é claramente regresiva para a clase traballadora

 A proposta do Goberno, anunciada como se fose un triunfo para a clase traballadora, de aumentar o salario mínimo interprofesional (SMI) entre 15 e 19 euros ao mes, ou sexa no mellor casos un 2% de suba, queda por debaixo do crecemento da inflación, ou sexa que aínda perderían capacidade adquisitiva (e só se aplicaría tres meses). Até o mes de agosto o IPC anual no Estado español creceu un 3,3%, e o da nación galega nun 3,5 até xullo, tamén computando os últimos 12 meses. Neste último caso moi superior ao de Madrid (2,6%), Cataluña (2,8%) e País Vasco (2,9%), malia que estes territorios teñen un nivel de vida máis alto.

 En poucas palabras, que, malia a promesa do Goberno de que a primeiros de 2023 estaremos no 60% da media salarial, na práctica agora dáse un paso atrás, polo que non se entende a postura da patronal, a non ser como para fortalecer unha oposición frontal a unha nova reforma laboral que temen poda devolver a ultraactividade aos convenios, dar prioridade aos de sector cando este teña condicións máis beneficiosas, a aprobar pola administración os ERE, etc. Unha nova reforma que esquece a reivindicación sindical da plena derrogación da reforma laboral de Rajoy (a CIG tamén pide derrogar a de Zapatero). Resulta evidente que hai aspectos que non se queren tocar, como a forte rebaixa nas indemnizacións por despedimento improcedente e por causas obxectivas, etc.

 O SMI afecta a aqueles asalariados/as que carecen de convenio e cando estes fixan para algunha categoría ingresos inferiores. As estimacións é que atinxe a un 10% da clase traballadora. Tamén cómpre ter en consideración que este ano os salarios creceron 1,5%, por debaixo da inflación. Esta subiu especialmente en bens de primeira necesidade, como electricidade, combustíbeis e vivenda, que son gastos que teñen un maior peso nas familias con baixo poder adquisitivo.

 Por último, respecto da mala escusa de que a suba SMI pode afectar á viabilidade empresarial e dar azos ao medre do paro, cómpre dicir que, malia o importante incremento salario mínimo do ano 2020, se creou emprego a bo ritmo, e aínda que axude o efecto “rebote”, non se pode ignorar que seguimos en pandemia. Ademais, desde a crise de 2008, mesmo unha vez superada, coas medidas austeridade e por efecto negativo da reforma laboral sobre as condicións laborais, non deixou de crecer a proporción no PIB das rendas do capital, mentres que a recuperación do emprego se fixo moi de vagar, pola caída do consumo.

 No ano 2008 os ingresos dos/as asalariados representaban o 46,4% da renda e os do capital o 43,9%. Unha década despois, en 2018, o 45,6% e o 46,1% respectivamente. Non temos datos máis recentes, porén a tendencia é claramente regresiva para a clase traballadora. De que se queixa a patronal? Pareceralles pouco e queren precarizar ao máximo as relacións laborais e minimizar os salarios? O aumento do SMI sería un paso adiante na xustiza social, e ademais é positivo para dinamizar a economía ao dar pulo ao consumo e xerar emprego.

 

[Vigo, 8 de setembro de 2021]

https://obloguedemera.wordpress.com/