Aumenta o desemprego en Galiza, sobre todo entre as mulleres, segundo a EPA do I Trimestre de 2022
A CIG valora negativamente os datos da EPA do Primeiro Trimestre de 2022. O secretario confederal de Emprego, Francisco González Sío, afirma que vén constatar como “a non derrogación da reforma laboral, e unha reforma laboral que foi feita e teledirixida pola UE, co obxectivo claro de enmascarar as estatísticas para presentar unha suposta mellora da contratación indefinida, nin acaba coa precariedade, nin coa situación de explotación laboral na que se atopa a clase traballadora galega”.
O Primeiro Trimestre de 2022 rematou cun forte aumento da poboación parada en Galiza. En tan só un trimestre aumentou o paro nun 4,4%, isto é, 5.900 persoas desempregadas máis que a finais de 2021. Un incremento que Sío explica, non tanto porque haxa un descenso da poboación ocupada, senón porque a poboación activa aumenta.
O secretario confederal de Emprego entende que isto ten que ver co cambio radical na xestión das baixas da covid e con que as mulleres, que saíran durante a pandemia do mercado laboral, pasando a ser poboación inactiva están regresando como demandantes de emprego e agora hai 4.400 mulleres inactivas menos. Máis nun contexto como o actual no que o empobrecemento masivo da clase traballadora, por mor da suba dos prezos dos produtos básicos, obriga ás familias a buscar máis fontes de ingreso.
Tal é así que a poboación activa aumentou un 0,5%, nun total de 6.000 persoas máis, e que o aumento do desemprego afectou maioritariamente ás mulleres, xa que representan o 74,5% desas 5.900 novas persoas demandantes. Isto implica que a taxa de paro pasa a situarse no 11,4% de media: 10,1% a masculina e 12,9% a feminina.
Industria, Agricultura e Pesca os sectores máis afectados
Os dous sectores que xa viñan sendo os máis castigados en anos anteriores, sector primario, que descende nun 6,1% e Industria, que perde un 2,7% volven ser, unha vez máis, os que sofren maior perda de ocupación, mentres que aumenta no sector da Construción e en Servizos.
Para Francisco González Sío, o descenso no sector de Agricultura e Pesca “ten que ver coas políticas da Xunta anti sector primario, xusto nun momento no que vemos os problemas que temos de abastecemento pola guerra de Ucraína e onde se demostra a necesidade de ter unha produción agrícola propia, porque non podemos depender de terceiros países en produtos que antes produciamos, como pode ser o millo”.
Nese sentido, o secretario confederal de Emprego apostou por crear emprego e xerar actividade neste sector e denunciou que, poren, “vemos como esmorece e desaparece mentres se aposta pola plantación de eucalipto e por empresas industriais foráneas que non traen emprego de calidade, nin crean emprego en número de traballadores/as suficiente”.
En todo caso, Sío fai especial fincapé na Industria, onde considera que “empeora o problema da crise industrial que temos”. A este respecto lembra que mentres no resto de países do noso contorno representa o 20% da súa economía, “aquí temos porcentaxes do peso da industria na economía de países do terceiro mundo. Estamos no 15% e é inviable que un país teña prosperidade e poda medrar e dar emprego de calidade con estas taxas industriais”. Unha situación da que responsabilizou directamente á Xunta de Galiza, polas súas nefastas políticas industrias.
Emprego precario e xornadas parciais
A EPA tamén evidencia a destrución de emprego no sector público, que se incrementara durante a pandemia, e que aínda que aumenta no sector asalariado “aquí si que podemos ver a aplicación da reforma laboral, xa que onde medra é no emprego a xornada parcial. Pasamos dun emprego precario e temporal a un modelo de emprego precario e parcializado onde as traballadoras e traballadores non teñen un salario completo”.
Respecto desta cuestión subliña que os contratos a tempo parcial aumentaron en 6.900 persoas, preto de 17.000 persoas máis con respecto ao primeiro trimestre de 2021 e que xa se corresponden cun 15,5% da poboación asalariada galega.
No que ten que ver coa contratación, hai un medre da indefinida e un descenso da temporal e mentres os contratos temporais a tempo completo descenderon en 20.000 persoas, os contratos temporais a tempo parcial aumentaron en 5.100.
“Aquí vemos que tanto na contratación indefinida, como na contratación temporal vaise apostar por un modelo baseado na ETT, na contratación temporal parcial, na contratación indefinida parcial e fixa-discontinua”, explica Sío quen advirte de que “os números, que xa son moi preocupantes, de traballadores/as galegos que están por debaixo ou con ingresos inferiores ao SMI, que xa roldan o 40%, isto é, que de cada 10 traballadores/as, 4 están con salarios por debaixo do SMI, van aumentar e, polo tanto, vai a haber un empobrecemento malia haber un incremento da contratación indefinida”.
No que atinxe aos fogares con algún membro en activo, e que todos estean no paro, son 50.700 en 2022, 200 menos que no trimestre anterior. Un descenso que se debe á caída na provincia de Pontevedra, porque no resto de Galiza medrou o número de fogares nesta situación.