Atinxido un preacordo no convenio de ambulancias que fomenta a estabilidade e mellora as condicións do persoal en prácticas
A reunión da mesa negociadora do convenio de transporte sanitario de Galiza acadaba un preacordo este luns sobre as cuestións sociais e os puntos aínda pendentes, que contempla importantes melloras na regulamentación dos contratos en prácticas (por enriba da lexislación xeral) e promove a estabilización dos cadros de persoal. O documento será sometido a debate e votación das asembleas de traballadoras e traballadores convocadas en todas as cidades para a tarde-noite deste martes, 2 de abril.
Aínda que a parte económica do convenio xa está acordada e ratificada polas asembleas, apunta o responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, este novo preacordo inclúe puntos fundamentais da plataforma reivindicativa destinados a atallar a precarización e o deterioro das condicións laborais que se viña producindo no sector, nomeadamente no relativo ao abuso da contratación en prácticas e á elevada temporalidade.
Horas e lugares das asembleas
A Coruña: 21:30h no salón de actos do edificio sindical
Santiago: 20:30h no local da CIG
Vigo: 21:30h no local de UGT
Pontevedra: 21h no salón de actos do edificio sindical
Ferrol: 21h no local da CIG
Ourense: 21:15h no salón de actos do edificio sindical
Lugo: 21h no salón de actos do edificio sindical
Así, o documento dispón que os traballadores e traballadoras en prácticas percibirán durante o primeiro ano o 85% do salario base e outro 85% no segundo ano (cando até agora as porcentaxe estaba no 60% no primeiro ano e no 70% no segundo). Xunto a isto, márcanse uns mínimos de conversión a indefinidos destes contratos e do persoal eventual, sometido a control sindical, polo cal as empresas deberán transformar en indefinido o 30% dos contratos temporais que fagan cada ano e ao remate do convenio deberán ter o 90% do seu persoal como indefinido.
Melloras nos permisos e licencias
No relativo aos permisos e ás licencias, establécese un protocolo para traballadoras embarazadas ou lactantes que inclúe a posibilidade de suspensión do contrato, cobrando o 100% da base de cotización a cargo da empresa desde a comunicación do embarazo; a consideración dos días de asuntos propios como xornadas de traballo; o dereito a gozar as licencias por hospitalización en calquera dos días que dure a mesma e até 15 días despois; ou 3 días por operación sen hospitalización até segundo grado e catro días nos familiares de primeiro grao.
Conseguiuse finalmente que as horas de presenza, extraordinarias e nocturnidade se calculen sobre as 15 pagas (é dicir incluíndo a terceira paga extra); e determínase en convenio que a nómina debe estar na conta dos/as traballadores/as a máis tardar o día 4 de cada mes. Xunto a isto, aclárase como serán os procedementos no caso dos contratos relevo e o cálculo da antigüidade.
Maior control sobre a xornada laboral
Ademais, salienta Pastoriza, outros dos avances que inclúe o preacordo refírese ao estabelecemento dun rexistro de xornada mensual que a empresa lle entregará ao traballador ou traballadora e á representación sindical nos 10 primeiro días do mes seguinte, o que permitirá realizar un control rigoroso sobre os excesos de xornada. Doutra banda, acórdase que a cobertura xurídica para cuestións derivadas do traballo correrá a cargo das empresas.
Lograr estes avances só foi posíbel grazas á mobilización do sector
O responsábel de Transportes da CIG reiterou que lograr este avance nas condicións laborais e económicas só foi posíbel grazas á determinación e á forza de todos os traballadores e traballadoras que levan meses mobilizándose na defensa do seu convenio, que foron quen de manter unha folga durante tres semanas e que estaban mesmo en disposición de iniciar un paro indefinido. "A mobilización e a unión permitiunos non só frear o recorte de dereitos que pretendía impor a patronal, senón arrincarlle unhas melloras que doutro xeito non teríamos conseguido", destaca Pastoriza.
Por iso, as centrais sindicais animan a todo o sector a asistir as asembleas para coñecer os detalles polo miúdo deste preacordo e a participar nos debates e nas votacións. No caso de resultar aprobado, o próximo xoves asinaríase definitivamente o convenio colectivo, pondo fin así ao conflito.