Atinxido un preacordo na recollida de lixo da Mancomunidade do Salnés que contempla unha suba salarial do 23% en cinco anos

O pactado pon fin ao conflito e permite a desconvocatoria de folga prevista do 24 de xullo ao 9 de agosto
Cambados - 23 Xul 2026

A última hora desta mañá, a representación social acadaba un preacordo de convenio colectivo con Valoriza para o servizo de recollida do lixo dos Concellos de Cambados, Vilanova de Arousa e Meis (que se presta a través da Mancomunidade do Salnés). Deste xeito, ponse fin ao conflito que o persoal estaba sostendo dende hai semanas en demanda de condicións dignas e procédese a desconvocatoria da folga prevista do 24 de xullo ao 9 de agosto.

O preacordo recolle unha vixencia de cinco anos (2026-2030), tal e como pedía a parte social para acompasar a negociación do convenio colectivo coa duración do prego de condicións administrativas.

En termos salariais, explica Anxo Lúa, representante da CIG na mesa de negociación, páctase un incremento salarial total do 23%, o que de media suporá unha suba do 4,6% en cada un dos anos de vixencia. Estes incrementos, ademais, aplicaranse aos pluses de traballos en domingos e festivos.

Estabelécese así mesmo unha garantía de que a próxima contrata se ten que facer cargo da demora da actualización salarial; e aumentan os días de vacacións anuais de 30 a 34 días naturais, avanzando así no dereito de conciliación.

A CIG amosa a súa satisfacción polo acadado neste preacordo, xa que responde aos principais obxectivos marcados polos traballadores e as traballadoras para esta negociación, especialmente no relativo á mellora das condicións salariais. Neste senso, hai que lembrar que, nos últimos 12 anos o persoal acumulou unha perda da súa capacidade adquisitiva próximo ao 15%.

“Cos termos pactados neste preacordo comézase a reverter este empobrecemento salarial e garántese o mantemento do poder adquisitivo no futuro”, subliña Lúa, quen tamén pon en valor a capacidade de loita e a mobilización levada adiante polo conxunto do persoal “que foi o que permitiu chegar a este acordo”.