Atinxido acordo con Atlantic Ponte, que recoñece todas as condicións recollidas no convenio dos centros cívicos
A CIG-Servizos e a dirección de Atlantic Ponte chegaron a un acordo na tarde do mércores polo cal a empresa, adxudicataria do lote de bibliotecas da rede de centros socioculturais de Santiago, recoñece a totalidade das condicións laborais e salariais recollidas no convenio colectivo propio que se viña aplicando até agora nestas instalacións.
Tras acadar este acordo, o persoal subrogado a esta empresa (cinco traballadores e traballadoras) decidiu desconvocar a folga indefinida no servizo de bibliotecas dos centros cívicos, aínda que a folga se mantén nos servizos de animación e monitorado e conserxería, xa que as novas contratas, Serviplus e Nor’integra, seguen sen querer recoñecer o convenio colectivo nin respectar as condicións do persoal.
Roberto Alonso, secretario comarcal da CIG-Servizos, explica que ademais de garantirse a aplicación do actual convenio, con este acordo Atlantic Ponte tamén asume un compromiso expreso de non realizar despedimentos, salvo polas causas establecidas na lexislación laboral e no convenio colectivo de aplicación como causas de despedimento disciplinario; ampliarlle o tempo de contrato e a xornada a tres compañeiros/as; recoñécelle unha antigüidade de seis anos máis a outro traballador; así como aplicar o incremento salarial do 6,5%, correspondente ao IPC de 2021, tal e como estabelece o convenio colectivo.
A CIG-Servizos valora positivamente o acordo e agarda que as outras dúas empresas adxudicatarias sigan o mesmo camiño "e traballen na busca de solucións para dar unha saída xusta ao conflito".
Neste senso, reclama a mediación real do Concello de Santiago xa que a súa pésima xestión en todo o proceso de elaboración dos pregos e a licitación do contrato foi á que levou á precarización do persoal dos centros socioculturais e á convocatoria dunha folga "que ten como único obxectivo que se respecten as condicións e os dereitos laborais e se garanta un servizo de calidade".