Asinado o primeiro convenio das orquestras de verbena de Galiza

Procura mellorar a cobertura de dereitos laborais e regularizar o sector fronte ao “caos” existente
Nacional - 18 Nov 2016

Tras tres meses de negociacións e co descolgue a penúltima hora dunha das patronais, os sindicatos CIG, CCOO, UGT e CSIF veñen de presentar en rolda de prensa o articulado definitivo do “I Convenio Colectivo do Sector de Orquestras de Verbena de Galiza”, que ademais de mellorar a cobertura de dereitos para as e os traballadoras/es, agardan que poida “regularizar o sector fronte ao caos existente”, segundo a central nacionalista.

O Consello Galego de Relacións Laborais foi o marco escollido polas centrais para presentar na mañá de hoxe este convenio de nova creación, que dará cobertura a máis de 4.000 traballadores/as -o 75% homes- dunhas 300 orquestras galegas, todo un “fito” que non estivo exento de dificultades e ameazas que mesmo puideron fanar as negociacións.

A meta, no entanto, que procura mellorar as condicións de traballo, reducir a informalidade e precariedade e sentar as bases da regularización da actividade fronte o “caos” existente requiriu, segundo explicaron os representantes sindicais, os máximos esforzos. Todo isto, para superar o “exiguo e incompleto” apartado dentro do convenio estatal de salas de fiesta que regulaba até o momento as condicións dun sector que aglutina en Galiza a meirande parte das orquestras do Estado, e que non respectaba a realidade nin a entidade do mesmo.

ASEVEGA tentou rebentar o proceso asinando de xeito simultaneo convenios de empresa miserábeis

Un dos primeiros retos foi o de conseguir que a patronal se organizase para poder establecer as mesas de negociación. Así, antes do verán pasado, vían a luz AGO e ASEVEGA, entidade esta última que se desmarcou na penúltima xuntanza, non sen antes ter intentado rebentar o proceso, dedicándose a asinar diferentes convenios de empresa de xeito simultáneo. “O seu representante acordaba convenios en precario con salarios de 30 euros ao día en empresas nas que se manipularon eleccións sindicais”, denunciaron.

Segundo Pedro Pérez, secretario de negociación colectiva da CIG-Servizos, no sector prima “que cada empresario actúe como lle vén en gana sen ter en conta os dereitos dos traballadores/as”. Alén disto, séntanse as bases para que as orquestras materialicen o requisito de se constituíren como empresa, algo que “contribúe a regularizar o sector”, segundo o sindicalista.

Ámbitos de regulación

O convenio regula os ámbitos, organización do traballo, clasificación de persoal, tempo de traballo, estrutura retributiva, réxime disciplinario, dereitos sindicais e saúde laboral.

No tocante ás retribucións, establécense diferentes táboas dada a realidade da existencia de pequenas, medianas e grandes orquestras, en función da súa facturación anual. Estarán obrigadas a entregar as contas á comisión paritaria para poderen clasificarse na súa correspondente táboa.

Distínguese, asemade, entre temporada alta, do 1 de maio até o 31 de outubro, e temporada baixa, o resto do ano. Así mesmo, regúlase tanto o tempo de traballo como a xornada ordinaria, cunha xornada máxima anual de 1.680 horas, distribuídas en 36 horas semanais. 

Contémplase a maior cobertura de incapacidades temporais e riscos laborais dada a realidade e especificidade do sector 

Tense en conta, tamén, unha maior cobertura de incapacidades temporais dada a realidade e especificidade do sector (viaxes, pernoctacións…) así como dos riscos laborais ao estaren traballando sobre escenarios ou plataformas elevadas. 

Para o representante da CIG o principal avance deste convenio que foi cualificado por todas as organizacións sindicais como ·histórico” é que, por vez primeira, as persoas que traballan nas orquestran pasan a ter a condición de “traballadores e traballadoras” e que, non só o tempo de concerto, senón tamén o tempo de ensaio, pasa a ser considerado xornada laboral.

Por último, desde a central nacionalista agárdase que os restantes sindicatos “non asinen convenios de empresa inferiores ao sectorial”, avogando pola desaparición dos mesmos.