Asinado o convenio do comercio do metal de Ourense tras pactarse un “salto histórico” no salario base

O acordo contempla unha suba de entre 102 e 130 euros máis ao mes e incrementos anuais de até o 19%
Ourense - 16 Xun 2026

Vén de concluír con acordo entre a CIG, UGT e a patronal a negociación do convenio colectivo do comercio do metal da provincia de Ourense ao supoñer un importante avance nas condicións laborais e económicas das persoas traballadoras do sector. O forte incremento do salario base, unido ás 15 pagas, ao 100% nas baixas por IT e á antigüidade do 5% por cuadrienio permite melloras retributivas moi significativas.

Dende a CIG-Ourense valoran moi positivamente o resultado da negociación, especialmente polo “salto histórico” que se produce no salarios base, que se sitúa entre os 1140 e os 1300 euros mensuais en función do grupo profesional. “Este incremento supón unha mellora de entre 102 e 130 euros mensuais sobre os salarios base vixentes até agora, converténdose nun dos aspectos máis relevantes do novo convenio”. 

O convenio mantén dereitos históricos que constitúen unha referencia dentro da negociación colectiva da provincia, como o cobro do 100% en caso de IT, o mantemento de 15 pagas anuais e a antigüidade consolidada mediante cuadrienios

A importancia desta mellora non reside unicamente no incremento mensual, senón en que o salario base é o concepto que serve de referencia para outros dereitos económicos recollidos no convenio. “Grazas a este incremento, melloran tamén as contías vinculadas ás pagas extraordinarias e á antigüidade”.

Neste sentido, fan fincapé en que o convenio mantén dereitos históricos que constitúen unha referencia dentro da negociación colectiva da provincia, como son o cobro do 100% das retribucións nos procesos de incapacidade temporal, o mantemento de 15 pagas anuais e a antigüidade consolidada mediante cuadrienios, cun incremento do 5% sobre o salario base por cada período xerado.

“A combinación destas condicións co incremento do salario base permite que as melloras retributivas reais para 2026 sexan moi superiores ás que reflicten as táboas salariais, acadando incrementos anuais que oscilan entre o 7% e o 19%, segundo o grupo profesional e a antigüidade de cada persoa traballadora”, tal e como explica a secretaria comarcal da CIG de Ourense, Xulia González, que participou nas negociacións.

Actualización salarial a IPC

Ademais, o acordo garante a revalorización salarial conforme ao IPC durante toda a vixencia do convenio (e que anteriormente estaba topada ao 8%) e incorpora incrementos adicionais do IPC máis o 0,50% en 2027, IPC máis o 0,75% en 2028 e IPC máis o 1% en 2029, asegurando que os salarios continúen medrando por riba da inflación.

Xunto ás melloras salariais, o convenio incorpora avances en permisos e licenzas, amplía dereitos para a atención de persoas dependentes, mellora as compensacións por quilometraxe, incrementa as coberturas da póliza de seguros, regula a xubilación parcial e reforza as condicións do traballo realizado en días festivos.

“Este acordo demostra que a negociación colectiva é a mellor ferramenta para mellorar as condicións de vida da clase traballadora. O convenio non só garante a recuperación do poder adquisitivo, senón que reforza dereitos históricos e consolida unha mellora sostida dos salarios para os próximos anos”, remata a responsábel sindical.