Asinado o convenio do comercio de alimentación de Ourense tras as primeiras folgas da historia no sector
A Federación de Servizos da CIG-Ourense vén de asinar o novo convenio colectivo do comercio de alimentación da provincia (xunto con CCOO, UGT e USO), que supón un avance importante nas condicións laborais dun sector fundamental e precarizado, composto maioritariamente por mulleres. Un acordo que, subliña a CIG de Ourense, marca un antes e un despois nas condicións laborais do sector, tanto polos avances acadados como polo proceso de mobilización sen precedentes que o fixo posíbel.
“Por primeira vez na historia, as traballadoras e traballadores do sector saíron á rúa e secundaron tres xornadas de folga, demostrando unha forza colectiva exemplar e deixando claro que a dignidade laboral tamén é unha loita do pequeno comercio”, valora a secretaria comarcal da CIG de Ourense, Xulia González, que tamén estivo presente na mesa de negociación. Considera que esta mobilización histórica foi froito da unión sindical e, de maneira destacada, do incremento da representación da CIG, “que permitiu á nosa central entrar na mesa negociadora con voz e forza propias”.
“Queremos poñer en valor o papel fundamental que tivo a nosa presenza na negociación, abrindo un novo escenario de firmeza fronte á patronal e facendo posíbel arrancar melloras reais para o persoal do sector”, asevera González. Trátase dun paso firme na dignificación dun sector esencial e feminizado, que quedou en primeira liña durante a pandemia “e que merecía un recoñecemento e protección acorde ao seu esforzo, que levaba anos esquecido por parte da patronal e outras organizacións sindicais”.
A CIG agradece especialmente a todas as delegadas e delegados que deron o paso de representar á central nacionalista nas súas empresas, “permitindo que a nosa voz se sentise con forza na negociación. Foi grazas a ese compromiso que a CIG puido facer fronte á patronal e arrancar avances que beneficiarán o conxunto do persoal”.
Ademais, a CIG estará agora vixiando de preto o cumprimento efectivo deste convenio, para que os dereitos recollidos no papel se materialicen na práctica diaria. Para iso, engade a secretaria comarcal de Ourense, “faremos seguimento nas empresas e estaremos ao lado das traballadoras e traballadores para garantir que a patronal cumpra co acordado”.
Finalmente, a secretaría comarcal da CIG de Ourense reafirma o no compromiso coa defensa dos dereitos da clase traballadora e co fortalecemento dun sindicalismo combativo, galego e de clase, “que non se vende nin baixa os brazos”.
Principais melloras salariais
O convenio terá unha vixencia de 4 anos, cunha suba salarial acumulada de máis do 26%, distribuída:
- 2025: incremento do 11,74 % sobre as táboas do ano 2024 (a excepción do grupo IV que sobe un 12,38%).
- 2026: incremento do 6,35 %
- 2027: incremento do 3 %
- 2028: incremento do 3 %
Ademais, se a suba do IPC real é superior ao 3% nos anos 2027 e 2028, aplicarase unha actualización anual pola diferenza, até un máximo do 2,5 % adicional.
Melloras sociais
- 1 día mais de vacacións (32 ao ano)
- 3 fins de semana de calidade garantidos
- Axuda escolar: mínimo 80 € por cada crianza
- Plus nocturnidade: 20%