A CIG e a UGT asinaron onte o convenio galego de residencias da terceira idade e centros de día privados de 2024, 2025 e 2026, unha vez que a patronal accedeu a actualizar os salarios das categorías profesionais que se atopaban por debaixo do SMI. Dende a central sindical consideran que se trata dun avance importante de cara á negociación do próximo convenio.
As asembleas de persoas traballadoras dos centros de persoas maiores celebradas pola CIG a semana pasada ratificaron o preacordo negociado co empresariado do sector, que soluciona a problemática existente a respecto do salario mínimo.
Tamén se mellora a cobertura por incapacidade temporal en caso de accidente ou enfermidade profesional
De xeito que as categorías C, D e E pasarán a cobrar a partir de xuño de 2026 un total de 1221 euros ao mes, mentres que o persoal xericultor, animador sociocultural e TASOC ingresará 1235 euros, “o que supón que non se absorban e compensen os complementos e pluses do convenio, como se facía até o de agora”, tal e como explica do secretario de Organización da CIG-Servizos, Pedro Pérez.
Ao mesmo tempo, mellórase a cobertura por incapacidade temporal en caso de accidente ou enfermidade profesional, que era outra das reivindicacións do sector.
“Trátase dun avance importante para iniciar, unha vez publicado o convenio, a negociación do seguinte dende un punto de partida moi diferente ao anterior, solucionada a problemática do persoal que cobraba por debaixo do salario mínimo”, remata Pérez.
Ao acordo chega despois da intensa campaña de mobilizacións e de folgas protagonizada recentemente polo persoal do sector xunto ás persoas traballadoras dos Servizos de Axuda no Fogar (SAF) pola dignificación das súas condicións laborais.