Asinado o convenio de Pintura da provincia da Coruña, que acadará ao da Construción
A FCM-CIG asinou o novo convenio da Pintura da provincia da Coruña, con vixencia desde os anos 2022 até 2026, tras ser aprobado polas asembleas do persoal das empresas nas que a central nacionalista ten representación, cun 82% dos votos. Deste xeito, os traballadores e as traballadoras do sector verán actualizados os seus salarios, que están conxelados dende 2022 debido ao atraso deliberado por parte da patronal en convocar a negociación.
Neste convenio garántese o mantemento do poder adquisitivo dos salarios, condición irrenunciábel da CIG para asinar, e en conxunto, de 2022 a 2024 aplicarase un incremento salarial do 9%. Ademais, a diferenza do que acontece nos convenios de Construción e Cemento, con maioría de UGT e CCOO, conséguese manter a cláusula de revisión salarial, polo que, a final de ano, se o IPC supera o 2% o convenio actualizarase na mesma medida.
Avánzase así na redución das diferenzas retributivas do persoal regulado polo convenio de Pintura con respecto ao da Construción (que chegaron a superar os 100€/mes), prevendo que desaparezan no ano 2025.
Alén das cuestións económicas, nesta negociación tamén se conseguiron melloras laborais como a redución da xornada laboral anual a 1.736 horas (un día menos), a partir do ano 2026.
Doutra banda, a FCM-CIG reitera ás críticas as achegas que se terán que facer ao plan de pensións da Construción, incluídas por imperativo legal malia a frontal oposición da central nacionalista "a este tipo de plans de capitalización manexados por bancos, que o Goberno e as cúpulas sindicais e estatais tentan impor en todos os sectores, e que por enriba se nutren dos incrementos salariais do persoal".