Asinado o primeiro convenio colectivo no centro de traballo de Leche Celta en Pontedeume
Logo de seis xornadas de paros cun seguimento do 100% do persoal e tras 11 horas de intensas negociacións, por volta das 21 horas do pasado venres 10 de novembro, asinábase o primeiro convenio colectivo para o centro de traballo que a empresa Leche Celta SLU ten en Andrade (Pontedeume) e que mellora substancialmente as condicións laborais e salariais das preto de 170 traballadoras e traballadores desta planta.
O secretario Confederal de Emprego e Industria, Francisco Cartelle, destaca que unidade do persoal nas xornadas de folga foi determinante para acadar o duplo obxectivo perseguido: por unha banda achegar a negociación colectiva aos traballadores/as do centro, rachando así o marco estatal, "un marco afastado e de resultado nefasto para o sector"; e por outra banda, acadar un convenio que mellore cualitativamente as condición de traballo do persoal de Leche Celta na factoría de Pontedeume.
Neste senso, pon en valor a capacidade e a forza da mobilización obreira, pois "unha vez máis, demóstrase que a unidade, a presión e o conflito son a única ferramenta para que se produzan avances substanciais nas condicións de traballo do persoal".
Incremento salarial
Sobre as condicións recollidas no convenio colectivo -que terá vixencia desde o 1 de xaneiro de 2017 ao 31 de decembro de 2020-, Cartelle explica que se acadou o obxectivo dun incremento salarial mínimo de 150€/ mes en 15 mensualidades.
Así mesmo, aplicarase un diferencial de 1,5% por enriba do incremento anual que experimente o convenio estatal de industrias lácteas en cada un dos anos de vixencia do convenio propio. Deste xeito, sumado ao incremento deste ano, "garantirase que os salarios no centro de traballo se sitúen nas categorías mais baixas nun 10% cando menos por enriba do convenio estatal e no resto nun 13% aproximadamente".
Melloras laborais e sociais
Mais a loita non só deu froitos no terreo económico, senón "en moitas outras cuestións que afectan á calidade de vida no traballo", engade Francisco Cartelle. Así, por exemplo, acadáronse melloras nas licencias retribuídas, ampliando as licencias e os seus días de goce; e avanzouse na vixilancia da saúde, incorporando novas probas médicas e unha maior periodicidade das mesmas.
Tamén se acordou o cómputo do tempo traballado polas persoas que tiveron contrato de posta a disposición, aos efectos de suba de grupo profesional por antigüidade. Todo isto, dentro dun novo sistema de promoción profesional aberto a todo o persoal e coa necesidade da participación e visado do comité de empresa.
Xunto a isto, introducíronse anticipos a conta e melloras na póliza colectiva de seguro en canto a coberturas e contías; avanzouse no eido dos dereitos lingüísticos; na creación dun Protocolo de acoso sexual e laboral ; dun Plan de igualdade; ou diversas melloras en canto á maternidade, entre outras cuestións.
Exemplo a seguir
Finalmente, o secretario confederal de Emprego quixo agradecer a todo o persoal "a lección de unidade e loita que ten protagonizado e que o conduciu a tomar as rendas da negociación das súas condicións de traballo. Son un exemplo a seguir".