Asientos de Galicia, UGT, CCOO e CGT marxinan a saúde laboral no novo convenio
A sección sindical da CIG en Faurecia-Asientos de Galicia compareceu en rolda de prensa na mañá deste mércores diante da empresa para denunciar que a dirección, en complicidade con UGT CCOO e CGT -sindicatos asinantes do preacordo- está a presionar para lograr unha sinatura “canto antes e a calquera prezo” do novo convenio. Desde a central nacionalista, que denunciou por diversas irregularidades a asemblea de persoal que aprobou o texto, aseguran que ese acordo supón unha rebaixa salarial que vai de 145 a 324 euros ao mes, alén de deixar en segundo plano materias fundamentais como saúde laboral “nunha empresa na que medran os accidentes polos altos ritmos de traballo”.
Despois da denuncia interposta pola CIG contra a aprobación “pola mínima” do preacordo, votado nun proceso “escurantista” e “repleto de ameazas de despedimentos ou mesmo do peche da fábrica”, a dirección presiona novamente con métodos similares para lograr a sinatura definitiva do convenio.
No seu momento, a central alertou de que o texto pactado por CCOO, UGT e CGT supuña unha rebaixa salarial de 1.740 euros anuais para o persoal fixo e 3.885 para eventuais, unha cifra que contradicía xunto outras materias a plataforma aprobada polos traballadores/as.
Agora, chegado o mes de novembro, denuncian que se tenta pechar o acordo “deixando de lado materias tan importantes como productividade ou saúde laboral”, e todo isto nunha empresa na que accidentes e incidentes de traballo foron en aumento desde 2010.
De feito, segundo os datos aportados pola mutua, as cifras de Asientos de Galicia son un 3% maiores que a media do sector, co agravante de ter “un cadro de persoal máis novo”, de entre 35 e 45 anos. Ademais, na factoría hai a día de hoxe 42 compañeiros/s dun total de 366 con limitacións recoñecidas, nunha empresa que leva “tan só 14 anos de actividade”.
Indican, asemade, que desde 2014 se deixaron de investigar os accidentes e incidentes debido á externalización do servizo de prevención, un feito denunciado xa polos delegados/as de prevención ante Inspección de Traballo.
Unha das preocupacións fundamentais, expresada polos delegados/as da CIG, é a de que a maior parte do persoal non poida rematar a súa vida laboral na empresa en base a problemas de saúde laboral. “Se continuamos así, con ritmos de traballo tan elevados, non chegaremos á xubilación aos 67 anos, se non que sufriremos incapacidades ou nos aplicarán a Reforma Laboral e despedimentos obxectivos por non podermos desevolver o noso labor”, sentencian.
Por iso califican de “incomprensíbel” a actitude dos sindicatos asinantes, cómplices das pretensións da dirección, agardando a rectificación destas posturas e que finalmente inclúan saúde laboral e produtividade nas negociacións. Para lograr este obxectivo, a sección sindical da CIG (sindicato maioritario na empresa), co apoio de CUT e CSIF, ten previsto convocar concentracións nos cambios de quenda para os días 28, 29, 30, 1 e 2 de decembro.
Apéndice de sinistralidade laboral (datos da Mutua)
- Ano 2010: 36 accidentes, 80% por sobreesforzo músculo-esquelético.
- Ano 2011: 28 accidentes, 80% por sobreesforzo músculo-esquelético.
- Ano 2012: 28accidentes, 80% por sobreesforzo músculo-esquelético.
- Ano 2013: 26 accidentes, 80% por sobreesforzo músculo-esquelético.
- Ano 2014: 41 accidentes, 80% por sobreesforzo músculo-esquelético.
- Ano 2015: 54 accidentes, 80% por sobreesforzo músculo-esquelético.
- Ano 2016 (agosto a outubro): 35 accidentes, 80% por sobreesforzo músculo-esquelético.