As tres batallas do conflito catalano-español
Tendo xuíces e policía abonda para gañar esta batalla? Non está claro. Pechan webs e aparecen outras novas. Secuestran carteis e a xente imprímeos na casa para colar outros novos. Ameazan os alcaldes e fan xurdir a solidariedade…
Desbotada por todos a solución bélica, aínda que sexa por motivos técnicos máis que de conveniencia, o conflito catalano-español dirímese actualmente en tres grandes batallas.
A primeira é a batalla política. Esta batalla gáñaa Catalunya por incomparecencia do adversario. O estado español non destacou nunca polas políticas construtivas cara a Catalunya. O que Franco, e algúns antes del, querían destruír e facer desaparecer, en democracia converteuse no coñecido intento de diluír a cuestión catalá polo sistema do café para todos. Até que o café resultou imbebíbel.
Estes últimos anos, Rajoy fixo do inmobilismo virtude e limitouse a negar o problema para non ter que ofrecer ningunha solución. Esta non-estratexia é a que as chancelarías estranxeiras non comprenden e, de xeito máis ou menos público, cuestionan fortemente. Se a Fundación Konrad Adenauer, afín ao PP, escribe nun informe público que Catalunya non se pode vencer só con xuíces e policía, que discurso debe facer a porta pechada?
A segunda batalla é precisamente esta, a legal e represiva, a dos xuíces e a policía. Semella ousado pensar que Catalunya poida gañala, tendo en conta que as leis, os xuíces e a maioría das policías son españois. Desde o decreto de Nova Planta até as últimas inhabilitacións e querelas, pasando pola sentenza do Estatut e todas as normas catalás anuladas polo Constitucional, este camiño é moi longo e costa arriba.
Agora, tendo xuíces e policía abonda para gañar esta batalla? Non está claro. Pechan webs e aparecen outras novas. Secuestran carteis e a xente imprímeos na casa para colar outros novos. Ameazan os alcaldes e fan xurdir a solidariedade. Ameazan medios e xornalistas e fan que a prensa estranxeira se incomode. No País Vasco, a estratexia de ‘todo é ETA’ funcionoulles. En Catalunya, a estratexia de ‘todo é referendo’ e como dicimos que o referendo é ilegal liquidámolo todo é demasiado besta e demasiado burda.
Incluso a segunda batalla, pois, é probábel que a acabe perdendo España porque hai a terceira -capital-, que hoxe en día é a boa: a informativa. O que antes se chamaba 'propaganda' e agora se chama 'relato'. A esta batalla, Madrid tamén chega tarde e co paso cambiado. Como o problema non estaba, ou como que o Goberno prefería non velo, tampouco era necesario dedicar esforzos á batalla comunicativa.
Ademais, cando o fixo non puido evitar o estilo trapalleiroo. O último exemplo: a semana pasada, cando levaba dous días un xornalista sudamericano aterrara en Barcelona e comezara a publicar noticias, o seu diario recibía a correspondente chamada do embaixador español no país. O xornalista non daba creto. Onte mesmo, un diario dixital español nada favorábel ao independentismo dicía que na pugna informativa enfrontaban o activismo catalán e a opacidade española, e concluía que esta batalla está a gañala Catalunya por goleada.
[Artigo tirado do sitio web catalán Vilaweb, do 18 de setembro de 2017]