As traballadoras galegas tardarán un mínimo de 300 anos en conseguir a equiparación salarial cos homes
Desde o ano 2009 a fenda salarial reduciuse en 2,6 puntos porcentuais, o que en termos absolutos equivale a 150 euros menos de diferenza entre os salarios dos homes e das mulleres. De seguirmos a este ritmo, farían falta 300 anos para conseguir a equiparación salarial cos homes. Un tempo que será mesmo insuficiente se non muda a situación provocada pola covid, que expulsou do mercado laboral a miles de traballadoras galegas que se viron obrigadas a asumir novamente os coidados de dependentes e crianzas. Por iso a CIG chama á folga o 8M, porque “pese á pandemia, os dereitos das mulleres non poden, nin deben, estar en corentena”.
Así o aseguraba esta mañá -na rolda de prensa de presentación do Informe da Situación Sociolaboral das Mulleres en Galiza, 2020, elaborado polo Gabinete de Economía da CIG-, a secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, quen afirmou que a pandemia puxo en evidencia a acertada análise do feminismo galego cando no 8M de 2020 denunciaba que “sen coidados non hai vida”, amosando que os traballos feminizados son esenciais para o desenvolvemento da sociedade.
Por iso denunciou que, porén “as mulleres non fomos obxecto de ningunha política específica destinada nin a protexer a nosa saúde, sobreexpoñéndonos ao virus, nin tampouco se recompensou o noso sobreesforzo cunha revalorización social e económica”.
Fronte a isto, asegurou que as únicas políticas adoptadas polos gobernos, tanto do Estado como na Xunta, “foron dirixidas a reducir os nosos salarios e a obrigarnos a asumir de balde os coidados que o sistema deixou de realizar”.
As mulleres, as grandes damnificadas da pandemia
Os datos da EPA relativos ao ano 2020 que recolle o Informe así o confirman e xa amosan como a muller vai ser a gran damnificada pola pandemia porque, segundo explicou a responsable do Gabinete de Economía da CIG, Natividade López Gromaz, “a muller viuse obrigada a abandonar o mercado de traballo para dedicarse aos coidados de menores e dependentes por mor do confinamento”. Tal é así que se estima que 2020 rematou con 10.200 mulleres máis dedicadas a ‘labores de fogar’ que en 2019.
Ademais, o 77% do emprego destruído foi feminino, pero iso “non se reflectiu na poboación parada, senón que provocou un descenso na poboación activa” co que a taxa de actividade masculina volve superar á feminina en máis de 10 puntos.
A maior presenza de mulleres en actividades esenciais na pandemia non foi abondo para compensar a caída da ocupación feminina no resto de sectores. “A maior precariedade e temporalidade propiciou que foran as primeiras en ser despedidas ao inicio da pandemia”, apuntou López Gromaz quen sinalou que as maiores perdas de emprego déronse no sector Servizos, nomeadamente nas actividades máis feminizadas, como a hostalaría. Ademais, agás no sector público –onde todos os novos contratos asinados por mulleres foron temporais- perdeuse emprego en todas as categorías profesionais. Xunto a isto, “entre as mulleres o maior descenso produciuse entre as empregadas no sector privado; entre os homes entre autónomos ou traballadores independentes”.
Así as cousas, a taxa de temporalidade entre as mulleres sitúase no 26%, case 4 puntos por riba da masculina, cando en 2020 a diferenza era de 2,7 puntos. E isto ocorre cando, ademais o 77% dos empregos a xornada parcial foron subscritos por mulleres, mentres que en 2019 eran o 75,2%.
Con todo, a economista da CIG advertiu que as consecuencias desta situación veranse a longo prazo, sobre a xubilación e “van agravar a xa forte fenda salarial existente”. Lembrou que en 2020 o número de anos cotizados para acceder á máxima pensión correspondente era de 36 anos e 9 meses, que non acadou nin a poboación con máis de 65 anos. De media os homes tiñan 34, 4 anos cotizados e as mulleres apenas superaron os 23 (23,3). “Deste xeito, de media en 2019 as pensións das mulleres foron un 35% inferiores ás dos homes: 677,73€ as mulleres, fronte a 1.042,91€ os homes, o que equivale a 365 euros menos ao mes”.
Loitar por “cambios reais”
Diante desta situación, a secretaria das Mulleres asegurou que os datos, que cualificou de “demoledores” xustifican a necesidade, “posiblemente máis que nunca na historia recente, de saírmos á rúa para denunciar celebracións hipócritas por parte dos gobernos que teñen a responsabilidade de eliminar a desigualdade e de lexislar para que se garantan os nosos dereitos e, pola contra, fan pagar a crise sanitaria maioritariamente ás mulleres”.
Demandou “cambios reais xa” e augurou que “non queda outro camiño que a loita incómoda” para denunciar a situación “tanto laboral como asistencial, das residencias da terceira idade, dos centros de día, dos centros de atención á diversidade, dos servizos de axuda no fogar que o goberno do PP na Xunta de Galiza vén desmantelando e privatizando para facer deles un novo negocio a custo das persoas máis vulnerables”.
Demandou tamén a revalorización dos recursos e servizos de atención ás persoas, garantindo o recoñecemento e dignificación destes traballos como esenciais, a prestar pola administración pública en condicións de calidade asistencial para as persoas, e en condicións dignas para o persoal encargado dos coidados.
Denunciou a dobre explotación que sofren as mulleres tanto no traballo asalariado como nos fogares e que o goberno do Estado “foi incapaz de blindar os dereitos de conciliación” das persoas traballadoras e de poñer as vidas no centro das políticas públicas. “A única medida que puxo en marcha no confinamento foi a de permitir reducións de xornada de até o 100% para que as persoas traballadoras asumíramos de balde os coidados que o Estado deixou de garantir”.
Mobilizacións
Apesar de que son tempos difíciles para a mobilización asegurou que “non podemos ficar caladas e que o Día Internacional das Mulleres Traballadoras fique nunha data de conmemoración institucional". Por iso chamou a participar na folga de 24 horas e nas mobilizacións convocadas pola CIG o 8 de Marzo.
Neste sentido salientou o enorme esforzo realizado polas mulleres da CIG convocando 31 mobilizacións en cidades e vilas de toda Galiza, cifra que supera mesmo as convocadas en 2019, facilitando así a participación de todas as mulleres durante a xornada de folga.
Xunto a isto, a secretaria das Mulleres da CIG animou tamén a sumarse ás mobilizacións convocadas pola plataforma GALEGAS8M da que a central sindical fai parte.