As traballadoras/es de H&M reclaman da empresa que garanta o 100% dos salarios "cos cartos que aforra das nosas cotizacións"
O comité de H&M na provincia da Coruña demanda da empresa, unha das grandes compañías do comercio téxtil mundial, que demostre que realmente ten os "valores éticos e humanos dos que continuamente fai gala", garantindo os salarios a todo seu persoal, tal e como xa están a facer algunhas das súas competidoras no mercado.
A representación social explica que, nun principio, a dirección de H&M desde Suecia tranquilizou e garantiulle os traballadores e as traballadoras da cadea de roupa que non ían sufrir ningún prexuízo económico derivado da obriga de pechar todas as tendas por mor da crise sanitaria do COVID-19. Pero, na realidade, engaden, non tardou en aplicar un ERTE por forza maior e só se compromete a complementar os salarios durante 14 días.
"A partir de aí, todo o persoal, gran parte con contratos a tempo parcial, pasará a cobrar unha cantidade moi reducida, impropia para unha gran compañía cunha solvencia financeira moi sólida e que presume constantemente de antepoñer os valores humanos aos económicos".
A empresa aforra as cotizacións
Dende o comité reclaman que se complemente até o 100% dos ingresos do persoal "cos cartos que se aforra a empresa de cotización por acollerse a un ERTE de forza maior ao que outras empresas non recorreron. Tamén solicitamos que evite a ruína temporal da nosa economía no caso de que o SEPE se demore no pagamento da prestación por desemprego, cousa bastante probábel". Xunto a isto, a representación social demanda que se garanta a conservación de todos os dereitos a pesar da suspensión dos contratos, como poden ser as vacacións e as pagas extras.
Por parte do comité xa se reclamou, sen obter aínda resposta, que a empresa tome as decisións necesarias para que o persoal, con salarios modestos xa habitualmente, non sufra as consecuencias dunha situación "da que non somos culpábeis". Sinalan que outras empresas do sector coas que compite directamente H&M, con soldos máis elevados, xa garantiron o salario durante todo o tempo que dure o estado de alarma. Por iso, "desde o comité de empresa non entendemos a tardanza en contestar e asegurar a nosa tranquilidade e a das nosas familias".