As traballadoras dos SAF inician este mércores, 2 de novembro, folga indefinida

Están previstas concentracións en concellos de diversas localidades da xeografía galega
Nacional - 01 Nov 2022

Este mércores día 2 de novembro arrinca a folga indefinida convocada pola CIG nos SAF de todo o país. As traballadoras rexeitan o preacordo asinado por CCOO e UGT. Reclaman un convenio que dignifique as súas condicións laborais e salariais e que non as aboque á precariedade e a pobreza.

Precariedade e escaso recoñecemento social marcan o día a día das traballadoras que prestan un labor básico para centos de persoas en toda Galiza como é servizo de axuda no fogar. Un servizo público do que a Xunta de Galiza se desentendeu, traspasando a súa prestación aos concellos, que á súa vez deixan a xestión destes coidados en mans de empresas privadas, máis preocupadas por obter grandes beneficios que por garantir unhas condicións laborais e asistenciais dignas.

Agora, cun convenio sen actualizar dende 2011 e tras as situacións dramáticas vividas durante a pandemia, a patronal non só pretende consolidar esta precariedade non garantindo sequera o mantemento do poder adquisitivo cunhas subas salariais acordes ao IPC, senón que incluso busca crear unha dobre escala salarial con dúas táboas diferenciadas en función de cando se liciten os contratos.

Por iso rexeitan o preacordo de convenio colectivo asinado por CCOO e UGT coa patronal e demandan condicións laborais e salariais dignas.

MOBILIZACIÓNS

Comarca da Coruña:

  • 2 ,3 e 4 Novembro ás 9.30 Concello A Coruña
  • 3 Novembro ás 11.00 Concello Carballo
  • 2,3 e 4 ás 12.00 Concello Cambre

 Comarca de Ferrol:

  • 2 Novembro 12.30 Edificio Xunta Ferrol
  • 3 Novembro 12.30 Concello Miño
  • 4 Novembro 12.30 Concello Fene

Comarca de Santiago:

  • 2 Novembro 11.00 Concello Boqueixón
  • 2 Novembro 20.00 Concello Boiro
  • 3 Novembro 11.00 Concello Teo
  • 4 Novembro 11.00 Concello Ames

Comarca de Lugo:

  • 2 Novembro 14.00 Edificio Xunta
  • 3 Novembro 14.00 Concello Monforte
  • 4 Novembro 14.00 Concello Vilalba

 Comarca de Pontevedra :

  • 2 Novembro 15.15 Concello Ribadumia
  • 3 Novembro 14.30 Concello Cuntis

Comarca de Vigo:

  •  2 ,3 e 4 Novembro entre as 11.00 e as 13.00
  •  Concello Vigo
  •  Concello Redondela
  •  Concello Porriño
  •  Concello Pazos Borbén
  •  Concello Moaña
  •  Concello Ponteareas
  •  Concello Mos

 Comarca de Ourense:

  • 2 e 3 Novembro as 11.30 Concello Ourense
  • 2 e 3 Novembro as 13.30 Concello o Carballiño