Traballadoras do SAF de Carballo reclaman o cumprimento do convenio e aplicar xa a suba do 6.5%
As traballadoras que prestan o Servizo de Axuda no Fogar no Concello de Carballo concentráronse este luns para demandar o cumprimento do convenio colectivo e que as empresas adxudicatarias destes servizos procedan de inmediato a aplicar a suba salarial do 6.5%, correspondente ao IPC real de 2021.
A protesta, que se desenvolveu coincidindo coa celebración do pleno municipal no que interviu o secretario da Unión Local da CIG de Carballo, Martín Caamaño, para tratar a situación do SAF, enmárcase no campaña que a CIG-Servizos está a desenvolver pola dignificación das condicións laborais e salariais das traballadoras deste sector e na demanda dun convenio colectivo xusto, que poña fin á precariedade que padece este persoal, malia desenvolver un traballo esencial para a sociedade.
Neste marco, a federación de Servizos da CIG ten convocada unha próxima mobilización para este mércores 29 de xuño, ás 20h, diante da Concello de Teo, coincidindo tamén coa sesión do pleno municipal.
O 6,5% é irrenunciábel
Con esta campaña, a CIG-Servizos está a promover, naqueles concellos que teñen externalizado o servizo e nos que a central sindical conta con representación no SAF, que se debatan e voten mocións nos plenos municipais instando ás administracións responsábeis (Concellos e Xunta) a que demanden das empresas concesionarias o cumprimento do convenio colectivo e se garantan os dereitos laborais das traballadoras.
Isto pasa pola aplicación inmediata da cláusula de revisión salarial do IPC real que contén o convenio galego e actualizar os salarios nun 6.5%, que corresponde ao IPC de 2021. Un incremento do 6,5% que as traballadoras xa debería ver reflectido nas súas nóminas, pero polo que, a mediados de 2022, aínda seguen agardando.
Pero ademais, con estas mocións búscase recoñecer o gran traballo e a función esencial que desempeñan as traballadoras de Axuda no Fogar e unha mellora substancial das súas condicións laborais.
Neste senso, ínstase á Xunta de Galiza (como responsábel destes servizos) a que incremente o prezo do servizo e que este incremento reverta en melloras para as familias e as condicións laborais das traballadoras. Dos Gobernos municipais demándase que supervisen os contratos do SAF e que reclamen das empresas concesionarias o cumprimento da legalidade laboral vixente, garantindo os dereitos do persoal.
O pleno de Monforte aproba a moción por unanimidade
De xeito paralelo, no pleno do Concello de Monforte, a corporación aprobaba por unanimidade a moción a prol da dignificación das condicións laborais e salariais das traballadoras do SAF. O texto, defendido polo grupo municipal do BNG, debateuse e votouse a instancias da CIG e forma parte da campaña que a central sindical está a desenvolver para demandarlle ás administracións responsábeis (Xunta e Concellos) unha mellora das condicións do servizo e que lle esixan ás empresas concesionarias o cumprimento do convenio colectivo e dos pregos de condicións.