As traballadoras do comercio vario da Coruña mobilizaranse este domingo para reclamar condicións e salarios dignos

A manifestación sairá ás 12h da Praza de Lugo para exixirlle á patronal que sente negociar o convenio provincial e rexeitar o marco estatal que queren impor as grandes empresas do téxtil
A Coruña - 11 Mar 2026

O próximo domingo, 15 de marzo, as traballadoras e os traballadores do comercio vario da Coruña sairán á rúa para reivindicar condicións salariais e laborais dignas, rexeitar o convenio colectivo estatal que quere impor a patronal ARTE (que encadra as grandes empresas do comercio téxtil) e reclamarlle á patronal que sente negociar a renovación do convenio provincial. A mobilización sairá ás 12:00 horas da Praza de Lugo e rematará na contorna de Porta Real.

A CIG-Servizos explica que o convenio de comercio vario da Coruña caducou o 31 de decembro de 2025 e dende entón “o persoal está cos soldos e os dereitos conxelados, mentres a patronal provincial se nega a responder ás peticións para sentar e negociar a súa renovación”.

Esta negativa, engaden, hai que enmarcala no proceso negociador aberto en Madrid pola nova patronal ARTE (integrada po multinacionais como Inditex, Mango, H&M, Primark, Cortefiel, Kiabi ou Uniqlo ) co obxectivo de asinar un convenio colectivo de ámbito estatal que afectaría ao comercio téxtil da Coruña e implicaría estabelecer peores condicións que as recollidas no convenio provincial. “Suporía un retroceso de 20 anos nos dereitos que temos conquistados”, denuncia Lucía Domínguez, delegada da CIG.

Neste contexto, critica que as patronais galegas rexeitaron a proposta trasladada pola CIG para asinar un marco galego que blinde os convenios provinciais fronte á negociación estatal e garanta que non se aplicarán aquí as condicións inferiores pactadas en Madrid.

Efectos sobre o conxunto do comercio vario

Pero ademais de empeorar salarios e condicións, de asinarse o convenio ARTE tamén se vería afectado o persoal do resto do sector que non é téxtil de grandes empresas “porque quedaría sen capacidade de sentar a patronal e negociar o convenio provincial de comercio vario, de modo que este acabaría morrendo”.

Por iso, advirte que “o que comezou sendo un intento de empeorar as condicións das traballadoras das grandes multinacionais do comercio téxtil, tamén lles afecta ao resto de compañeiras e compañeiros do sector”.

Considera Domínguez que estamos ante unha estratexia para destruír e deixar morrer o convenio provincial do comercio vario, polo que anima a todas as traballadoras e traballadores a participar na manifestación do próximo domingo polo dereito a unha negociación colectiva próxima e por unhas condicións laborais e salariais dignas.

Mais tamén para frear as manobras patronais que só buscan recortar dereitos e precarizar un sector altamente feminizado, con elevadas taxas de parcialidade e no que as traballadoras xa teñen demostrado unha enorme capacidade de loita e organización.