As traballadoras de DomusVi Ferrol irán aos xulgados para cobrar os festivos traballados dende 2017
Traballadoras de DomusVi Ferrol acudiron este mércores ao acto de conciliación no SMAC pola demanda presentada pola CIG en relación ao impagamento dos festivos traballados desde o ano 2017. Pero, máis unha vez, a empresa fixo uso "da súa inaceptábel arrogancia, prepotencia e falta de escrúpulos" negándose a chegar a calquera tipo de acordo coas traballadoras.
DomusVi recorreu o seu habitual proceder forzando que o persoal teña que chegar aos xulgados de maneira sistemática para esixir o cumprimento do convenio colectivo, critica Beatriz Fernández, responsábel do sector de residencias na CIG-Servizos de Ferrol.
Denuncia os métodos escravistas de DomusVi como cando neste pasado nadal, ante a falta de persoal, "a lóxica da empresa foi que as traballadoras asumiran o traballo de dúas persoas". Provocándolles unha sobrecarga non só física, senón tamén mental ao ter que estar pendentes de múltiples tarefas á vez e non poder descoidar ningunha delas. Porque, subliña Fernández, "a realidade é que traballamos con persoas dependentes e non podemos nin queremos deixar que estean desatendidas como precisan e merecen".
A precariedade repercute na atención
Advirte que as profesionais dos diferentes departamentos (xerocultoras, limpadoras e recepcionistas) están fartas de ser tratadas como traballadoras de terceira por DomusVi, que pretende ser un referente no sector das residencias de maiores "a conta da explotación laboral do seu persoal". Esta precariedade laboral, obviamente, repercute na atención e nos coidados que se prestan ás persoas usuarias, que verán incrementado o custe da factura mensual 16,1% entre os anos 2023 e 2024.
Se toda esta situación non fose o suficientemente grave, a empresa, lonxe de asumir a problemática existente pola falta de persoal, contratou os servizos dunha empresa de 'xestión do absentismo', "xa que ao seu entender, teñen un índice moi elevado de baixas médicas". Pretende enfocar así a culpa das enfermidades nas traballadoras e eludir as consecuencias que ten sobre a saúde do persoal a sobreexplotación física e mental.
A CIG e as traballadoras continuarán facendo fronte aos abusos desta empresa "que leva 17 anos a vulnerar sistematicamente os dereitos laborais, aproveitándose da precariedade deste sector".