As traballadoras de DomusVi Ferrol denuncian as nefastas condicións laborais e a actitude despótica da dirección
As traballadoras da residencia da terceira idade DomusVi Ferrol realizaron unha concentración este xoves diante do centro para denunciar as "nefastas condicións" nas que teñen que desenvolveu o seu traballo, "sen unha dirección que poida tomar decisións e cunha coordinación despótica e ditatorial, avalada dende a empresa".
A CIG leva tempo denunciando a sobrecarga laboral, a falta de persoal, a denegación de permisos retribuídos ou as modificacións constantes de horarios que imposibilitan a conciliación da vida familiar. Unhas malas condicións que, subliña Beatriz Fernández, responsábel do sector na CIG de Ferrol, están a converter este centro de traballo "no referente da explotación laboral".
Pero ademais, alerta que DomusVi Ferrol leva meses sen dirección á fronte e cunha coordinación "cuxa actitude deixa moito que desexar, pois descoñece por completo como se desenvolve o traballo nunha residencia e enmascara o seu descoñecemento cunha prepotencia, arrogancia e falta de empatía propia doutros tempos".
Esta situación é de sobra coñecida "e amparada" polos responsábeis da empresa, cos que a representación do persoal mantivo unha xuntanza para trasladarlle todas estas problemáticas e demandar solucións. "Pero pouco ou nada parece importarlle, e lonxe de tentar buscar un clima axeitado de traballo, están a forzar as traballadoras a soportar unha carga laboral e un nivel de estrés non só físico, senón tamén psicolóxico, inaceptábel".
Fernández critica que DomusVi pretenda ser un referente no sector das residencias de persoas maiores a conta da explotación laboral do seu persoal, o que repercute na atención e nos coidados que se prestan ás e aos usuarios.
"Por iso, estamos hoxe aquí e anunciamos que continuaremos coas mobilizacións e denuncias precisas pola dignificación do noso traballo, porque estamos fartas de aturar unhas condicións de precariedade e de que, por riba, a empresa non respecte os nosos dereitos", aseverou.
Ao tempo, na concentración tamén se quixo denunciar o deixamento da Xunta de Galiza, que non está a exercer o labor inspector que debera, permitindo estas prácticas empresariais vergoñentas que mercantilizan e converten os coidados das persoas idosas nun privilexio.