As traballadoras das escolas infantís claman por unhas condicións dignas na 2ª xornada de folga
Centos de traballadoras das escolas infantís privadas e de xestión indirecta, na etapa 0-3 anos, volveron saír á rúa este mércores para reclamar un convenio colectivo xusto, con salarios e condicións laborais dignas e que se recoñeza o valor do seu traballo. Nesta segunda xornada de folga, que volve rexistrar un seguimento de arredor do 80%, as traballadoras manifestáronse polas cidades de Vigo e da Coruña exixíndolle á patronal o desbloqueo das negocacións dun convenio que xa foi superado polo SMI.
Durante esta xornada e nos días previos, as traballadoras estiveron repartindo nas distintas escolas do país (en Galiza hai uns 200 centros) un comunicado informando das súas condicións laborais e salariais e dos motivos que levaron á convocatoria destas catro xornadas de folga. O responsábel do sector privado da CIG-Ensino, Enrique García, destaca a boa recepción por parte das familias xa que "entenderon as reivindicacións das traballadoras, que tamén son por un servizo de maior calidade para os seus fillos/as".
Sobre a incidencia da folga, apunta que o seguimento é similar ao do pasado xoves, tendo unha participación moi irregular en función do tipo de escola (privada ou pública de xestión inderecta, se existe representación sindical etc.). Non obstante, cifra o seguimento do paro no entorno do 80% do persoal e salienta a elevada participación das traballadoras nas manifestacións realizadas polo centro de Vigo e da Coruña.
García critica os abusivos servizos mínimos impostos polo Goberno do PSOE no Concello da Coruña -os mesmos que decretou o PP para as escolas do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e no Concello de Arteixo-, que "vulneran o dereito á folga das traballadoras". Tras do primeiro día de folga, a representación sindical dirixiuse ao Concello da Coruña para que se rectificaran estes mínimos, pero finalmente o Goberno municipal desatendeu a petición. Por iso hoxe, a manifestación, que saíu da Praza de Pontevedra, rematou ás portas do Pazo de María Pita para amosar o malestar das traballadoras coa actitude do Goberno de Inés Rey.
Despois de corear consignas relativas aos abusivos servizos mínimos, unha representación sindical e dúas delegadas entraron ao Concello para pedir explicacións. Foron recibidas pola concelleira de Servizos Sociais e o edil de Deportes "que non souberon dar unha explicación acaída e limitáronse a dicirnos que para as próximas folgas revisarían todo en máis profundidade".
Un colectivo feminizado e precarizado
Ao remate das mobilizacións, varias traballadoras deron lectura a un comunicado no que denuncian que "o noso salario non supera o SMI e non alcanza o 60% do salario medio. Segundo a Carta Social Europea, somos traballadoras pobres". Reivindicaron unhas condicións salariais acordes co traballo que desenvolven, a formación que se lles exixe e a responsabilidade que teñen que asumir no seu día a día, "xa que non existe unha correlación entre aptitudes e retribucións e, ademais, subxace unha discriminación ao colectivo polo mero feito de ser maioritariamente feminino".
Destacan que a principal finalidade da súa actividade non é entreter ou vixiar as crianzas, senón "potenciar as súas capacidades para que o seu progreso psicomotriz, afectivo, intelectual e social alcance o avance máis amplo posíbel e as prepare para as próximas etapas". Por iso reivindicaron a dimensión educativa da súa profesión e a inclusión desta etapa no ámbito educativo. "Nós non gardamos, nós educamos", aseveraron.
Pero a pesar da transcendencia social desta actividade, a patronal mantén bloquedas as negociacións do convenio colectivo (de ámbito estatal), negándose a negociar subas salariais acordes ao incremento do custe da vida e a dignificar as condicións laborais, pretendendo incluso empeoralas.
Neste senso, as traballadoras explicaron que realizan xornadas moi longas que se desenvolven totalmente na atención directa cos nenos e nenas, "sen tempo para organizarmos e prepararmos as actividades, materiais, avaliar os procesos... Todo iso facémolo fóra da nosa xornada laboral; é traballo extra e non remunerado, e a expensas da conciliación á que tamén temos dereito".
Xa están convocados dous días máis de folga
O de hoxe é o terceiro paro xeral que secunda o sector tras das folgas dos días 29 de xuño e 19 de outubro. E de non producírense avances substancias na negociación, a CIG-Ensino, maioritario en Galiza neste sector, CCOO e SNEP teñen convocadas novas xornadas de folga para os días 8 e 15 de novembro.