As traballadoras das escolas infantís claman en Compostela por unhas condicións salariais e laborais dignas
Unhas 800 traballadoras das escolas infantís privadas e de xestión indirecta na etapa 0-3 anos, manifestáronse este mércores polas rúas de Compostela para reclamar condicións laborais e salariais dignas. A mobilización, a máis numerosas das feitas até agora, desenvolveuse coincidindo coa quinta xornada de folga no sector, que rexistra un seguimento superior ao 80%.
Para o responsábel de ensino privado da CIG-Ensino, Henrique García, esta resposta masiva evidencia o enfado das traballadoras tanto pola actitude das patronais, que teñen bloqueada a negociación a causa das súas propostas de miseria, como polo trato das administracións, especialmente a Xunta de Galiza, que impuxo uns servizos mínimos abusivos sen precedentes no sector.
García lembrou que despois de dous anos de negociacións non se produciron avances que permitan chegar a un acordo mentres as traballadoras teñen os soldos conxelados dende 2021, continúan perdendo poder adquisitivo e dereitos. O convenio colectivo estatal de centros de asistencia e escolas infantís é dos máis precarios de todos os existentes a día de hoxe na ensinanza en xeral, cunhas táboas salariais que xa quedaron por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional.
Na súa última proposta, engade, a patronal moveu un pouco a súa oferta económica pero pretendendo a cambio recortar outros dereitos laborais e sociais. Salienta García que as condicións do convenio non son acordes coa responsabilidade do labor educativo e social que realizan estas profesionais coas crianzas.
Por iso na manifestación, que saíu da Alameda e rematou na Praza de Praterías previa parada na sede da Confederación de Empresarios de Galiza, berráronse consignas como "nin garderías nin xardíns, somos escolas infantís" ou "non pode ser, coidar os vosos fillos e non chegar a fin de mes".
No manifesto lido ao remate da mobilización, criticouse a negativa da patronal a incrementar o diferencial salarial para as educadoras infantís e que se opoñan á aprobación dunhas táboas salariais equilibradas, dignas e xustas para todo o sector.
Ademais, denunciouse que "as patronais causaron un grave prexuízo ás traballadoras do sector da xestión indirecta ao impedir o asinamento dunhas táboas salariais vinculadas aos pregos de condicións dos últimos concursos públicos. Esta negativa priva ás traballadoras dunha remuneración xusta e acorde coas súas responsabilidades laborais".
O vindeiro 24 de novembro está convocada unha nova reunión da comisión negociadora e as organizacións sindicais xa advertiron que "se as patronais non cambian de rumbo as mobilizacións terán continuidade até que entendan a mensaxe de demanda dun convenio digno para o sector das escolas infantís 0-3".