As traballadoras da limpeza rexeitan por insuficiente a proposta da patronal e continúan adiante coa folga
A asemblea de traballadoras da limpeza celebrada esta mañá no edificio sindical de Lugo rexeitou por unanimidade a proposta trasladada pola patronal ASPEL na mesa de negociación do pasado venres. As traballadoras, que levan preto dun mes en folga por un convenio digno, consideran a oferta totalmente insuficiente xa que suporía seguir deixando o convenio por debaixo do SMI, polo que a folga continuará adiante até lograr un acordo xusto.
Na asemblea, apunta Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, tamén se acordou que a parte social se manteña na proposta trasladada á patronal o 27 de xuño "porque non ten marxe de movemento". Neste contexto, non se agarda ningún avance na reunión da comisión negociadora fixada para o 20 de novembro dado o inmobilismo da patronal e as súas pretensións de consolidar a pobreza salarial e a precariedade no sector.
Hai que subliñar que ASPEL (a patronal estatal que ten secuestrada a negociación do convenio provincial), despois de estar máis de tres meses desaparecida e de 26 días de folga indefinida, apareceu na xuntanza do venres cunha oferta de miseria que apenas varía o que xa estaba enriba da mesa pero coa pretensión de ampliar un ano máis a vixencia do convenio, até 2026.
Deste xeito, a patronal teima na conxelación salarial para o ano 2022 (cando o IPC real foi do 5,7%), incrementos do 4% para 2023, 2024 e 2025 e do 3% para 2026, sen ningunha cláusula de revisión. O único que mudan son as primas non consolidábeis de 272 e 200 euros xa ofertadas, que agora serían consolidábeis, pero nos últimos anos de vixencia do convenio. Ademais a patronal pretende estabelecer un prezo fixo do trienio cando a antigüidade actual é unha porcentaxe por enriba do salario base.
"Con esta proposta, denuncia Castiñeira, a patronal continúa a deixar as táboas por baixo SMI, co cal seguen absorbendo a antigüidade, e a maiores,estabelecer un prezo fixo por trienio implicaría que cada traballadora teña unha perda de 184 euros por cada trienio até 2026".
As traballadoras -que só nos dous últimos anos perderon máis dun 12% da súa capacidade adquisitiva- consideran ridícula esta proposta e despois de case un mes de loita non están dispostas a renderse por unha esmola. Por iso, xa advertiron que continuarán adiante coa folga e as mobilizacións diarias até lograr un convenio en condicións dignas e iso pasa por conseguir, cando menos, uns incrementos salariais do 5,7% para 2022, do 5,5% para 2023, do 4% para 2024 e do 3% para 2025, e introducir unha cláusula de revisión ao corte (é dicir que opere no mes no que o IPC supere a suba pactada).
A CIG salienta que estas subas son totalmente asumíbeis por parte de empresas como Eulen, Clece, FFC, Acciona ou Ingesan que acumulan millonarios beneficios e que nos últimos anos se fixeron coas adxudicacións máis importantes dos contratos públicos ante o desleixo das administracións, que miran para outro lado diante dos abusos desta patronal avarenta.