As traballadoras da limpeza pecháronse nas oficinas de Eulen para exixir o desbloqueo da negociación colectiva
Na 12ª xornada de folga indefinida, un grupo de traballadoras da limpeza fixeron unha ocupación das oficinas que Eulen ten na cidade de Lugo para exixir o desbloqueo da negociación do convenio colectivo. Cunha encomiábel enerxía e bo humor, e ao berro de "explotadores", e "ASPEL escoita, a limpeza está en loita", as traballadoras permaneceron nas dependencias arredor dunha, até que foron desaloxadas pola policía.
Neste tempo, "non viu ninguén falar con nós, nin parece que houbera ningunha persoa con responsabilidade para dirixirse a nós", criticou Asunción Castiñeira. Explicou que decidiron ir ás oficinas de Eulen xa que é a única das grandes empresas que forma parte da patronal estatal ASPEL que conta con sede en Lugo.
ASPEL é quen mantén paralizadas as negociacións dende que o pasado 27 de xuño se reuniron por última vez as partes. Tamén foi ASPEL, lembrou Castiñeira, quen bloqueou durante meses a constitución da mesa para poder iniciar a negociación do novo convenio (o anterior rematou en 2021), ignorando cada unha das solicitudes neste sentido remitidas polas organizacións sindicais.
Unha dilación inxustificábel á que xa están afeitas as traballadoras porque se repite negociación tras negociacións, e que forma parte da estratexia patronal de alongar o proceso negociador para así tentar evitar pagar as subas correspondentes aos anos previos. Trátase dunha estratexia que non pode recibir outro cualificativo que miserenta cando estamos falando de traballadoras que apenas cobran o SMI e que en boa parte dos casos teñen xornadas parciais, agravando aínda máis as súas precarias condicións.
Pero a pesar de que xa van 12 días de folga e de que as consecuencias son evidentes, a patronal teima no seu silencio, sen concretar data de reunión nin constestar sequera á última proposta da parte social. Unha actitude que as traballadoras entenden como un total desprezo e unha burla.
Mobilizacións en Lugo, Burela e Monforte
Mais non se resignan. Ao contrario, o irresponsábel comportamento das empresas dálle azos para seguir loitando por uns salarios e unhas condicións dignas e vai "cabreando ao sector cada vez máis".
Tanto que se até agora as mobilizacións se centraban na cidade de Lugo, a próxima semana están previstas tamén concentracións en Burela e Monforte e xa están preparando unha gran manifestación en Lugo para o sábado 4 de novembro na que convidan a participar ás traballadoras e traballadores doutras provincias que tamén se atopan nunha situación similar.