As traballadoras da limpeza piden a implicación da Consellaría para acadar un convenio que remedie a desigualdade retributiva
Baixo a consigna "as limpadoras, loitadoras", as traballadoras da limpeza de Lugo continúan adiante coa folga indefinida para reclamar un convenio colectivo digno, denunciar o bloqueo patronal á negociación e rexeitar as propostas miserentas que o empresario puxo enriba da mesa.
Cos ánimos intactos e malia a intensa e persistente choiva, as traballadoras fixeron este xoves unha ruada reivindicativa que pasou polos edificios máis significativos das diferentes administracións públicas, onde cantaron cancións alusivas ao conflito e reclamaron mellores condicións laborais e salarios xustos. Porque malia todas as dificultades, as traballadoras refírmanse na súa loita porque "que chova ou que non, seguimos ao pé do canón".
Denuncia na Inspección de Traballo
Na xornada de onte, na que se cumprían os dez días de paro, as organizacións sindicais presentaron unha denuncia na Inspección de Traballo contra a Consellaría de Educación por esquirolaxe, xa que en determinados colexios que teñen o servizo externalizado, o persoal dos centros educativos está realizando tarefas de limpeza e asumindo funcións que non lle son propias. Esta práctica boicotea o dereito fundamental á folga das traballadoras da limpeza, ao minimizar ou deixar sen efecto a folga.
Por iso, unha vez máis, dende a CIG pediuse solidariedade coa loita destas compañeiras que levan en folga unha semana e media, e polo tanto perdendo os seus salarios, para poder sacar adiante un convenio digno. Pois en todo caso, serán as administracións ás que teñan que pedir responsabilidades ás empresas por negarse a sentar a negociar, pretender perpetuar a precariedade do sector e prolongar co seu inmobilismo este conflito.
Non hai que perder de vista que a última reunión tivo lugar o 27 de xuño, e dende entón, malia a convocatoria da folga indefinida, a patronal nin sequera convocou a mesa negociadora para dar resposta á prosposta trasladada pola parte social. Un silencio que contrasta ademais coa convocatoria da mesma patronal noutras provincias para negociar o seu convenio. "Parece intencionado o intento de castigar a este sector na provincia de Lugo".
Un sector moi precarizado e feminizado
Neste sentido, apunta Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos de Lugo, tamén se rexitrou un escrito dirixido á Secretaría Xeral de Igualdade (dependente da Consellaría de Emprego e Igualdade) solicitándolle a súa implicación "no obxectivo de acadar un convenio que poida remediar a desigualdade retributiva que sufren as traballadoras".
Lembrou que este é un sector moi precarizado no que o 95 % das traballadoras son mulleres, un 80% delas ten unha xornada a tempo parcial, e uns salarios na maioría dos casos inferiores ao SMI, "a pesar de traballar en moitas ocasións en máis dunha empresa para poder completar a xornada e acadar un soldo un pouco máis elevado".
As distintas administracións, entre elas a Xunta de Galiza, son parte das principais contratistas do sector de limpeza, polo que non deberían será alleas a este problema xa que en grande medida teñen a capacidade de condicionar a patronal. Pero ademais a Xunta "ten a competencia en materia de relacións laborais e non debería consentir o silencio da patronal cara a este sector que hai pouco tempo se consideraba esencial e agora parece invisíbel".
Que o convenio teña uns salarios inferiores ao SMI ten que ver seguramente co feito de ser un sector feminizado, "e que sufre unha evidente desigualdade no ámbito laboral e salarial, cuns salarios moi inferiores a outros sectores, maiores índices de parcialidade, dificultades para a conciliación etc., en definitiva, peores condicións que outros sectores masculinizados".
Denuncian as traballadoras que "polo feito de sermos mulleres somos infravaloradas de maneira inxusta e sufrimos unha desigualdade á que intentamos darlle visibilidade e que non quede en cifras ou discursos baleiros". Por iso, reclaman de todas as administracións e en particular da Xunta de Galiza "que non permita a actitude da patronal da limpeza de non negociar o convenio e garanta tamén, como autoridade laboral, que se cumpra coas obrigas legais e se garanta tamén que haxa un convenio que remate coa realidade de que o traballo das limpadoras estea infravalorado e peor pagado".