As organizacións sindicais do Metal da Coruña aceptan a mediación do AGA pero non paralizarán as mobilizacións
Ante a solicitude de mediación do AGA por parte da patronal do sector do Metal da provincia da Coruña, os responsábeis do convenio do Metal de CIG, UGT e CCOO acordaron este luns aceptar esa mediación, a pesar de levar co convenio caducado desde decembro de 2014 e de que a propia patronal bloqueara até o de agora o avance das negociacións.
Con todo, entenden que esta solicitude da patronal agocha a intención de paralizar as mobilizacións que os traballadores e traballadoras do sector do Metal tiñan previstas para as vindeiras semanas e non ten vontade real de chegar a un acordo. Por iso acordaron tamén manter o calendario de mobilizacións incluída a convocatoria de folga no sector para a terceira e cuarta semana de xuño.
Xunto a isto, CIG, CCOO e UGT acordaron fixar unha data tope de duración desa mediación que iría até mediados de xuño. Deste xeito, se a día 14 deste mes non se acadara un acordo rexistrarían a convocatoria de folga en todo en sector na provincia da Coruña.
Neste sentido, o portavoz da parte social na mesa de negociación e responsábel da CIG-Industria, Pepe Maio, asegura que “estamos dispostos a sentarnos no Consello Galego de Relacións Laborais, como estivemos dispostos até o de agora a participar en calquera reunión á que se nos convocou e como lle temos trasladado recentemente a patronal, porque queremos que a mesa de negociación do convenio continúe cos seus traballos e haxa avances reais”.
En todo caso matiza que “ao que non estamos dispostos é a que se utilice o AGA para neutralizar a nosa capacidade de presión por parte dunha patronal que até o de agora non mostrou disposición algunha a chegar a acordos”. A isto engade que, a patronal “é sabedora de que tras meses agardando pola sinatura do novo convenio e por mor do seu bloqueo constante, tiñamos acordado endurecer as mobilizacións e moito nos tememos que esta chamada xusto agora teña o obxectivo de paralizalas”.
Demandas
Para as organizacións sindicais é fundamental acadar neste convenio vellas reivindicacións como establecer a subrogación para os traballadores/as de contratas, regular as gardas localizadas fóra de xornada, recuperar a revisión salarial, mellorar as licencias retribuídas, limitar a utilización das ETTs, así como un incremento salarial co que recuperar poder adquisitivo.
Porén, a patronal pretende liquidar a negociación sen incorporar ningunha mellora substancial no convenio, e mesmo recortando dereitos xa conquistados e afondando na desregulación do sector.
De feito entre as súas propostas está incrementar a distribución irregular da xornada, pasando das 70 horas actuais ás 140 horas, e aínda que propón unha suba salarial -pero sen revisión- do 4.5% en catro anos ( conxelación para 2015, e 1.5% para 2016, 2017 e 2018).
Xunto a isto pretende reducir do 60% ao 30% a cobertura da Incapacidade Temporal durante os tres primeiros días e non está disposta a retirar as ETTs do convenio ou limitar o seu uso para cubrir as vacacións e baixas.