As mulleres da CIG toman as rúas para advertir que “a crise non a imos pagar as traballadoras”
Delegadas e traballadoras da CIG celebraron concentracións e manifestacións este mediodía, en todas as cidades e numerosas vilas galegas, baixo o lema “A crise non a imos pagar as traballadoras”, para denunciar que, co pretexto da crise, se está empobrecendo ás traballadoras a través dunha suba inxustificábel dos prezos de produtos e servizos básicos, como alimentación, enerxía ou hipotecas, “inasumíbeis cuns salarios que non permiten manterunha vida digna”.
Así o denunciou, ao inicio da manifestación celebrada en Compostela, que partiu da Praza Roxa para rematar na Praza 8 de Marzo, a secretaria das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro Monteiro, quen chamou a atención sobre o feito de que “as carencias nos servizos públicos dificultan aínda máis a conciliación entre a vida laboral e familiar e explotan as traballadoras que teñen que manter os servizos en condicións de precariedade”.
Castro Monteiro denunciou ademais, a un ano de se aprobar a nova reforma laboral,“os efectos negativos que a falta de perspectiva de xénero nesta lei está provocando nas condicións laborais das mulleres”. Neste sentido apuntou que o traballo das mulleres “está minusvalorado” e, afirmou que, de feito, “son os sectores máis feminizados os que contan con máis baixos salarios”.
Así, sinalou que a rama de actividade coa maior fenda de xénero é a de “outros servizos persoais e de ocio”, cunha presenza de mulleres do 58,7% e unha fenda do 29%. “Os ingresos medios nesta rama de actividade apenas superan a metade do SMI”, asegurou.
Xunto a isto explicou que a discriminación salarial persiste porque mentres que o 42.4% das traballadoras galegas obtiveron uns ingresos inferiores ao SMI (41,5 en 2019), no caso dos homes foron o 29,1% do total. Unha situación que se está a dar a pesar de ter as traballadoras máis formación. “O factor formación non nos beneficia na mesma medida que aos nosos compañeiros pois mesmo as mulleres máis novas, con maior formación que os seus compañeiros, cobran de media un 11% menos que estes”.
Nicolasa Castro denunciou ademais como, a medida que as mulleres avanzan en idade, a fenda agrándase debido, “para alén da peor retribución dos sectores feminizados, a discriminación na modalidade de contratación, isto é, a contratación a tempo parcial e a temporalidade”.
A este respecto apuntou que os contratos de xornada parcial aumentaron máis que os de xornada completa porque no ano 2022 o 77% das persoas traballadoras con contrato a xornada parcial foron mulleres, cando en 2021 esta porcentaxe era do 76,6% e en 2019 do 75,2%. Do mesmo xeito, lamentou que a taxa de temporalidade feminina foi 5,5 puntos superior á masculina en 2022 e que afecta de maneira especial ás traballadoras do SERGAS, o que a levou a concluír que “a Xunta é a maior empresa de traballo temporal do país”.
Impacto da reforma laboral
A secretaria das Mulleres da CIG subliñou que o incremento da xornada parcial “prodúcese ao longo do primeiro ano de vixencia da reforma laboral”, como tamén é froito desta reforma “o aumento desorbitado da contratación fixa-descontinua que vén substituír a contratación temporal”, que considerou un“suposto logro da última reforma laboral” que “ten a agravante de que agora tamén a están a aplicar as empresas de traballo temporal (ETT)” e que tivo como consecuencia “a contratación máis desregularizada posíbel”, porque agora as traballadoras “nunca saben cando van ser chamadas nin por canto tempo, o que fai imposíbel calquera planificación ou organización da conciliación ou da vida en xeral”. Por iso concluíu que “a falta de perspectiva de xénero da última reforma laboral está a reforzar as desigualdades que sufrimos as mulleres traballadoras”.
Recortes dos servizos públicos e fenda das pensións
Nicolasa Castro reclamou a recuperación dos servizos públicos fronteas políticas de “deterioración e privatización que o Goberno do PP na Xunta practica con determinación calculada” e que, dixo,“están levandoao límite a sanidade, a atención sociosanitaria para persoas dependentes”. Uns recortes que, lembrou, “afectan dobremente ás mulleres, como traballadoras destes sectores e como coidadoras no ámbito da familia”.
Por iso reclamou a valoración social dos traballos de coidados e que estes se conciban como “unha prestación pública, universal e gratuíta” para que “as mulleres poidamos desempeñar un traballo en igualdade de condicións e non nos vexamos forzadas á redución de xornada ou mesmo a abandonar o posto de traballo por ter que nos facer cargo de crianzas, anciáns e dependentes”.
Do mesmo xeito denunciou que a fenda de xénero das pensións supera xa o 34% porque “as mulleres temos menores carreiras de cotización e menores bases de cotización”. Sinalou que as diferenzas medias nas bases de cotización foron de 278€ no ano 2020 e que as maiores diferenzas sitúanse entre os 35 e 44 anos con 395€/mes o que supón que, a día de hoxea diferenza entre a pensión dunha galega e a dun galego é de 391,23 € mensuais.
Ademais advertiu que “se xa tiñamos claro que a fenda nas pensións vai seguir medrando ao non se corrixiren as desigualdades no mundo do traballo, coa nova reforma das pensións tal como se anuncia, agrandarase aínda máis ao aumentar de 25 a 30 anos o tempo de cálculo”.
Denunciou que o que persegue a ampliación do período de cálculo é rebaixar as contías das pensións e que “hai unha estratexia deseñada, que nada ten a ver cos fondos da caixa das pensións, senón que vai destinada a diminuír as contías para derivar a capacidade de aforro á contratación de plans privados”.
Fronte a iso defendeu unhas pensións públicas dignas pois,“de se aprobar esta reforma, a maior parte das traballadoras estarán condenadas a sobrevivir con pensións miserentas xa que os salarios da maioría non chegarán para poder pagar un plan de pensións”.
A secretaria das Mulleres concluíu facendo un chamamento a sumarse ás manifestacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres para esta mesma tarde.
Ademais todas as mobilizacións remataron coa lectura do MANIFESTO que, de seguido, reproducimos:
Compañeiras:
Un novo 8 de marzo saímos ás rúas para manifestar que non temos nada que celebrar. Saímos para proclamar os nosos motivos para un 8 de Marzo combativo, como foron para as mulleres da CIG os 364 días restantes do ano. Porque para nós o 8 de marzo é un ponto e seguido na loita polos nosos dereitos como mulleres, como traballadoras e como galegas.
Co lema A CRISE NON A IMOS PAGAR AS TRABALLADORAS, queremos pór de manifesto que, co pretexto da crise, se están empeorando as nosas condicións de vida a través dunha subida inxustificábel dos prezos de productos e servizos básicos -alimentación, enerxía, hipotecas- inasumíbeis cuns salarios que xa non permiten manter unha vida digna. Sabede que máis do 40% das traballadoras galegas teñen salarios inferiores ao SMI.
A fenda salarial presenta en toda a nosa vida laboral, é indicativa de moitas outras desigualdades, é a mostra de que o traballo das mulleres está minusvalorado.Precisamente, son os sectores máis feminizados os que contan con salarios máis baixos. Asi, a rama de actividade coa maior fenda de xénero é a de “outros servizos persoais e de ocio”, cunha presenza de mulleres do 58,7%, e unha fenda do 29%. Os ingresos medios nesta rama de actividade apenas superan a metade do SMI.
Na mocidade, cando a formación das mulleres supera notabelmente a dos seus compañeiros, a fenda salarial xa acada o 11% de media. A precariedade laboral é especialmente grave no colectivo de mozas, con grandes dificuldades para o acceso ao traballo remunerado en condicións dignas, o que obriga a moitas a emigrar.
A un ano da aprobación da reforma laboral do goberno PSOE-PODEMOS, constatamos que a falta de perspectiva de xénero desta, agrava a precarización das condicións laborais sobre todo das mulleres. Segue aumentando a contratación a xornada parcial e no ano 2022 o 77% das persoas traballadoras con contrato a xornada parcial son mulleres.Tamén o desemprego nos afecta en maior medida, sendo o16,6% superior nas mulleres, en xaneiro deste ano máis do 77% das persoas que pasaron ao desemprego foron mulleres.
Mais o efecto máis salientábel e pernicioso desta reforma é que substitúe a contratación temporal pola fixa-descontinua. Esta modalidade, que estaba limitada a situacións moi concretas, estase a ampliar a todos os sectores e estase a practicar polas ETTs, de forma que aumentou en máis dun 800% no caso das mulleres. Baixo a denominación de fixo-descontinuo enmascárase a contratación máis precaria, de forma que as traballadoras nunca saben cando van ser chamadas nin por canto tempo, o que fai imposíbel calquera planificación ou organización da conciliación ou da vida en xeral.
Outro motivo para un 8 de Marzo combativo son os recortes nos servizos públicos. Estes recortes inciden moi negativamente nas nosas vidas ao nos facer máis difícil a conciliación e deixarnos desprotexidas no dereito á saúde, á educación, aos coidados, etc. Queremos denunciar que o goberno da Xunta practica con determinación e aleivosía a deterioración dos servizos públicos perseguindo o seu exterminio para favorecer a privatización e o negocio lucrativo de empresas amigas. Queremos denunciar neste 8 de Marzo, día en que os responsábeis políticos deste ataque aos servizos públicos fan bonitas declaración pola igualdade, que a Xunta é a maior empresa de traballo temporal do País e as traballadoras do SERGAS as que máis padecen este abuso.
Unha vez máis reiteramos que a valoración social dos traballos de coidados é indispensábel para o avance dos dereitos das mulleres e que este recoñecemento pasa por unhas condicións laborais e salariais dignas. Por outra parte, cómpre que os coidados a persoas idosas e a dependentes se conciban como unha prestación pública, universal e gratuíta, entre outras cousas, porque son indespensábeis para que as mulleres poidamos desempeñar un traballo en igualdade de condicións e non nos vexamos forzadas á redución de xornada ou mesmo a abandonar o posto de traballo por ter que nos facer cargo de crianzas, anciáns e dependentes.
Peores salarios, xornadas a tempo parcial, saída do traballlo remunerado para atender as necesidades de coidados, son causa de que as nosas xubilacións sexan moi inferiores. Como consecuencia, a día de hoxe a diferenza entre a pensión dunha galega e a dun galego é de case 400 euros mensuais, superando xa a fenda de xénero nas pensións o 34%.
Compañeiras, se xa tiñamos claro que a fenda nas pensións vai seguir aí de non se corrixiren as desigualdades no mundo do traballo, coa nova reforma das pensións tal como se anuncia, agrandarase aínda máis, ao aumentar de 25 a 30 anos o tempo de cálculo. O que persegue a ampliación do período de cálculo é rebaixar as contías das pensións. Este era o obxectivo tamén da reforma aprobada en 2011, cando o PSOE, co aval de CCOO e UGT, atrasou a idade de xubilación aos 67 anos e ampliou o período de cálculo dos 15 aos 25 anos. Hai unha estratexia deseñada que nada ten a ver cos fondos da caixa das pensións, senón que está pensada para derivar a capacidade de aforro á contratación de plans privados. É fundamental defender unhas pensións públicas dignas, pois de aprobarse esta reforma, a maior parte das traballadoras estarán condenadas a sobrevivir con pensións miserentas xa que os salarios da maioría non chegarán para poder pagar un plan de pensións.
As mulleres demostramos nas celebracións do 8 de Marzo dos últimos anos que temos conciencia da nosa discriminación. De aí que os conflitos laborais protagonizados por mulleres neste último ano cobrasen tal importancia que mesmo nos situou na vangarda a nível internacional. A través das mobilizacións e folgas conseguimos avances notábeis en sectores moi feminizados como o SAF, a Conserva, as tendas de Inditex… As compañeiras que protagonizaron estes conflitos mostraron que non non hai lugar para a resignación, que ESTA CRISE NON A IMOS PAGAR AS TRABALLADORAS.
Por nós, polas que nos precederon e polas que virán, seguiremos loitando para conseguir os nosos dereitos como mulleres, como traballadoras e como galegas.