As mulleres da CIG sinalan a responsabilidade dos gobernos no mantemento das desigualdades e da precariedade

Millereiros de traballadoras mobilizáronse en 21 localidades neste 8 de Marzo para reivindicar os seus dereitos
Nacional - 08 Mar 2022

Este 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, as delegadas da CIG mobilizáronse en 21 localidades do país para sinalar a responsabilidade directa dos gobernos no mantemento das desigualdades e da precariedade que padecen as mulleres. Ás protestas, nas que se ao remate se fixo unha queima simbólica de todas as discriminacións, desigualdades e da violencia que padecen as mulleres, tamén se sumaron numerosas traballadoras, pensionistas e xubiladas e estudantes.

A secretaria das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, subliña que para a central sindical o 8 de Marzo segue a ser unha data de loita e  chamou a reivindicar “unha vida digna e en igualdade para as traballadoras de calquera idade e oficio”, tamén para as máis novas, que “seguen emigrando mentres padecemos unha crise demográfica insoportábel”.

Por iso, neste 8 de Marzo, "as mulleres da CIG queremos sinalar as persoas responsábeis das institucións que ostentan o poder político en todos os ámbitos, para que dunha vez por todas acabemos coas discriminación, pondo na axenda os cambios necesarios para que as mulleres deixemos de ser persoas e traballadoras de segunda", aseverou Castro ao inicio da manifestación de Ferrol.

A pobreza ten rostro de muller

Despois de varios anos con convocatorias de paros e  folgas, e das mobilizacións masivas, a realidade é que "non houbo cambios substanciais na situación laboral das mulleres, de forma que a pobreza segue tendo rostro de muller", denunciou. Chamou a atención no feito de que as mulleres continuamos a ter condicións de traballo máis precarias, soportamos taxas de temporalidade máis elevadas, máis contratos a tempo parcial e un maior desemprego.

Así, indicou que o 73,4% do emprego que se perdeu en Galiza o pasado ano foi entre as mulleres e dos 421.968 novos contratos asinados en 2021 a nome de mulleres, o 94,8% foron temporais. "Preto do 30% destes contratos tiveron unha duración inferior a unha semana e o 43% foron de menos dun mes, o que se supón que cada traballadora asinou unha media de 3,5 contratos", advirte.

Ademais, case o 77% dos contratos a xornada parcial foron subscritos por mulleres, máis da metade por non  atopar traballo a xornada completa, mentres que o 20% alegaron motivos de coidado fronte a tan só o 4% dos homes.

Esta contratación precaria ten o seu reflexo nos baixos ingresos que perciben as mulleres, pois mentres o 32,5% dos homes obtiveron uns salarios inferiores ao SMI, esta porcentaxe increméntase até o 46,7% no caso das mulleres.

A isto hai que engadir que, segundo os últimos datos publicados pola Axencia Tributaria referidos ao ano 2020, a fenda salarial foi do 19%, "pero non porque mellorara a situación das traballadoras, senón porque foron maioritariamente mulleres as que estabamos en actividades esenciais e os homes os que estiveron maioritariamente en ERTE. De non ser así, a fenda sería maior", alerta a secretaria confederal.

Baixos salarios, lagoas de cotización e contratos parciais tamén se deixan notar na fenda das pensións, que está situada no 34,5%, o que supón que as pensionistas galegas cobran 376,18 € menos ao mes que un home pensionista.

Unha desigualdade que se incrementará coa ampliación dos anos de vida laboral para calcular as contías, tal e como xa ten anunciado o ministro de Seguridade Social. Por iso, clamou contra a “carreira de obstáculos” que é a vida laboral das mulleres, que “fai que cheguemos á vellez sendo máis pobres que os nosos compañeiros”.

Máis unha vez "cúmprese o dito de que a pobreza ten rostro de muller". Tal é así que o 20,05% das mulleres estaban en risco de pobreza ou exclusión social en Galiza en 2020, mentres que o 18,9% eran homes e, de feito, o 60%  das perceptoras da RISGA son tamén mulleres.

Os traballos de coidados seguen sen valorizarse

Castro Monteiro lembrou que aínda que nos paros e nas folgas de mulleres de 2018, 2019 e 2021 se puxo o foco da reivindicación na valorización dos traballos de coidados, e que a pandemia evidenciou o carácter esencial destas tarefas, desempeñadas maioritariamente por mulleres, non se  tomaron medidas para eliminar a precariedade "que é consubstancial á maior parte destes traballos: empregadas do fogar, traballadoras de centros da terceira idade, servizo de atención a domicilio…”.

Ao contrario, "as administracións seguen desentendéndose das prestacións dos servizos de coidados  con garantías para traballadoras e persoas usuarias, ofrecendo concesións a empresas privadas que fan negocio á conta da explotación das traballadoras e carencias dos servizos".

Advirte Nicolasa Castro que os coidados seguen recaendo maioritariamente nas mulleres, nos fogares, "de forma que nos obrigan a sacrificar o noso traballo e medre profesional e persoal". E neste punto chamou a atención sobre a especial precariedade que padecen as empregadas do fogar "que teñen que gañar os seus dereitos nos xulgados, cando temos un goberno autodenominado o máis progresista da historia". E o mesmo sucede, engadiu, cos permisos por parto ou adopción de proxenitoras monoparentais, máis do 90% mulleres.

A este respecto, criticou que a recentemente aprobada reforma laboral carece de perspectiva de xénero e non dá solución á precariedade ao manter as facilidades para o despedimento, a flexibilización da xornada, o mantemento da temporalidade a través dos contratos fixos descontinuos, etc.

E nesta liña, lamentou que os plans de igualdade se estean a converter en papel mollado, ao igual que os protocolos de acoso. Por iso, a responsábel das Mulleres da CIG fai un chamado tamén a levar a conflitividade á negociación dos plans de igualdade, do mesmo xeito que se leva ao convenio colectivo, xa que estes teñen que ser unha oportunidade real para mellorar as condicións e corrixir as discriminacións entre homes e mulleres, nomeadamente no ámbito retributivo.

Fartas das desigualdades e das discriminacións

Por estas todas estas razóns, “as mulleres dicimos hoxe alto e claro que estamos fartas de desigualdade e discriminación! Hoxe, milleiros de mulleres bravas e combativas enchemos as prazas e rúas do país demandando xustiza!”, aseverou a secretaria das Mulleres da CIG.

Máis tamén chamou a ter “a ollada posta no pasado, nesas revoltas de mulleres que hai máis de cen anos percorrían o país, que deben ser todo un referente de autoorganización e de loita polos nosos dereitos, elas son as que comezaron a loita que agora seguimos”. Neste senso, Castro Monteiro reivindicou a figura de Rosalía de Castro “unha galega adiantada á súa época que deu palabras a denuncias aínda hoxe plenamente vixentes”.

Rematou aclarando que “fronte a quen poida pensar que a discriminación e a desigualdade que padecemos as mulleres é algo inmutábel que pasa por ciencia infusa, hai que poñerlle nome e apelidos a quen ten a responsabilidade de rachar con esa tendencia. O patriarcado ten moito cómplice agochado nas mesmas institucións que hoxe, 8 de marzo, enchen as súas axendas de actos pola igualdade. E vai sendo moita hora de desenmascarar a hipocrisía e poñerlles nome. Por iso hoxe estamos aquí: mobilizámonos contra quen ten a responsabilidade de garantir os nosos dereitos. Esiximos que esta situación de desigualdade remate xa”.

Chamamento a participar nas mobilizacións de Galegas8M

A CIG tamén fai un chamamento a participar nas mobilizacións que a plataforma Galegas8M ten convocadas para este 8 de Marzo en numerosas localidades do país. Este ano, o colectivo feminista  mobilízase baixo o lema "Nin escravas, nin heroínas, mulleres con dereitos xa!" Podes consultas os lugares e as horas das mobilizacións nesta ligazón: http://galegas8m.gal/convocatorias/convocatorias-8m-2022/