As mulleres da CIG claman contra a precariedade, a escravitude do século XXI
As mulleres da CIG tomaron prazas e rúas de cidades e vilas galegas esta mañá, Día Internacional da Muller Traballadora, para denunciar a precariedade que padecen -a escravitude do século XXI- en forma de contratos temporais, fixos descontinuos ou a xornadas parciais; rexeitar as desigualdades campantes no mercado laboral e reclamar traballo digno.
Imaxes de Compostela, A Coruña, Ferrol, Lugo e Burela
Imaxes de Vigo, Pontevedra, Ourense, Vilagarcía, Cangas e A Guarda
Nese sentido se pronunciou a secretaria das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro Monteiro, que denunciou que esa precariedade é a que caracteriza a situación laboral da maior parte das traballadoras en Galiza. Unha situación que se inicia no momento mesmo no que as mozas acceden ao seu primeiro traballo e que dá nunhas condicións de xubilación indignas achegándose a fenda salarial das pensionistas ao 34%.
Castro quixo, por iso, incidir na reivindicación de clase da conmemoración do 8 de Marzo, que ten que ser, dixo, unha xornada “combativa” na que as traballadoras remuneradas cun salario, xunto coas desempregadas e as que dan o seu traballo de balde para soster as condicións de vida das familias denuncien xuntas todas as discriminacións que sofren polo feito de ser mulleres.
Lembrou, xunto a isto, a campaña contra a fenda salarial iniciada en xuño de 2023, de denuncias de empresas que non entregan os rexistros salariais ou que o fan deficientemente. Actuacións que considerou que “demostran o interese por seguir ocultando a discriminación salarial que se segue a producir por diferentes vías: salarios máis baixos nos sectores de actividade con representación maioritaria de mulleres; aplicación de convenios diferentes para actividades similares na mesma empresa; aplicación de categorías diferentes, con menor compensación para as traballadoras ou recoñecemento de habilidades ou condicións que poden desempeñar con maior facilidade os homes”, entre outras.
Necesidade dun cambio social
A secretaria das Mulleres denunciou ademais que a incorporación das mulleres ao traballo remunerado “non veu acompañado dun cambio de modelo social en que o coidado á familia e persoas dependentes sexa asumido polas institucións públicas e repartido de forma equitativa entre as persoas adultas sen importar o xénero”.
Por iso considerou que a distribución sexual do traballo “segue lastrando as condicións laborais e formativas das mulleres” e reclamou “unha revalorización dos traballos de coidados e servizos públicos de coidados accesíbeis a todas as persoas”.
Canda isto quixo salientar a eclosión na conflitividade laboral protagonizada por traballadoras de diferentes sectores, desde as traballadoras do SAF, das residencias de persoas maiores, de centros de menores, da saúde, de educación infantil ou do comercio e, nomeadamente, a das mulleres da limpeza de Lugo, das que, afirmou “nos sentimos especialmente orgullosas pola súa capacidade de resistencia”.
Loitas que Castro entende que están demostrando “que as traballadoras na Galiza xa non aturamos ser seres humanos de segunda, que exiximos condicións de traballo e salarios dignos, xubilación digna, facilidades para a conciliación da vida familiar e laboral e servizos públicos de calidade”.
A secretaria das Mulleres da CIG aproveitou tamén para facer un chamamento a participar nas mobilizacións do feminismo galego nesta tarde, nomeadamente nas convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres.
Ao remate das manifestacións representantes dos distintos sectores deron conta das múltiples desigualdades que sofren as traballadoras, para rematar coa lectura do seguinte manifesto:
MANIFESTO
Compañeiras! Hoxe, como cada ano, para as traballadoras é un día de loita e estamos na rúa para celebrarmos unidas as nosas ansias por conseguir un modelo social máis xusto, para sermos iguais en dereitos, con salarios e condicións de traballo dignas.
Queremos salarios que nos permitan o acceso á alimentación, á vivenda, á enerxía e a todos os bens que posibilitan condicións de vida acordes cos tempos. Queremos que os coidados sexan compartidos e que as institucións doten de servizos públicos de calidade para que non pesen como lousas sobre os nosos ombros. Reivindicamos o desfrute do tempo para o descanso, para o ocio, para o autocoidado, porque xa non nos queda despois da dobre ou tripla xornada.
Os servizos de coidados son precisos en todas as comunidades, de forma universal, e aínda máis no nosos País, por sermos una sociedade avellentada. As pensións na Galiza están entre as máis baixas do Estado, e as das mulleres son case un 34% inferiores ás percibidas polos homes, o que supón cobrar de media 421,86 € menos ao mes, unha diferenza que está a aumentar.
Precisamente porque facemos parte dunha sociedade avellentada non podemos permitir que os coidados ás persoas dependentes carezan do recoñecemento. Exiximos que as administracións proporcionen servizos públicos de coidados con carácter universal, ao alcance de todas as persoas, independentemente da súa renda, para que deixen de ser un negocio á costa da precariedade das traballadoras e das deficiencias para as persoas usuarias!
A precariedade perséguenos durante toda a nosa vida adulta e así xa desde o comezo da vida laboral o noso traballo está menos valorado que o dos compañeiros. A falta de empregos de calidade na Galiza segue a expulsar a mocidade á emigración, en contra dos nosos intereses individuais e colectivos. Desde 2009 levan emigrado máis de 80.000 mozos e mozas menores de 29 anos pola ausencia de políticas que favorezan o traballo non precario.
As mulleres estamos fartas de ser man de obra de segunda, barata ou mesmo de balde nos traballos do fogar -cobramos de media 4519€ anuais menos que os homes en 2022 e máis do 40% das asalariadas non acadaron o SMI. Estamos fartas de ter que aceptar contratos a tempo parcial -75,7% dos contratos parciais son de mulleres- por termos que asumir, queirámolo ou non, os coidados na familia ou simplemente porque nos se nos ofrecen outras posibilidades.
Estamos fartas dos contratos temporais, que impiden que poidamos ter unha mínima seguridade para facer a nosa vida. Exiximos que se valoren as actividades dos sectores “feminizados”, o acceso a todas as categorías e o fin de complementos salariais con nesgo de xénero.
As traballadoras galegas non nos resignamos e a conflitividade laboral nos sectores feminizados medra día a día: sanitarias, escolas infantís, centros de menores, centros de chamadas, residencias de maiores, comercio, limpeza...
Dicimos limpeza de Lugo e sentimos orgullo, porque estas compañeiras resistiron catro meses de folga e abatéronlle o pulso á patronal madrileña do sector; mais sobre todo porque nos ensinaron que se queremos cambiar as cousas teremos que loitar e resistir en cada sector, en cada centro de traballo e en cada lugar en que nos encontremos.
Estamos certas de que, após o medre da mobilización social dos feminismos nestes últimos anos, e se continuarmos activas practicando un sindicalismo feminista, imos lograr reverter as fendas de xénero. Mais a día de hoxe, temos que dicer que tras a reforma laboral do goberno que presumía de ser o máis progresista da historia, están aumentando as fendas laborais e no caso da salarial tras sete anos de mínimos avances.
Non queremos rematar este acto sen nomear a nosa solidariedade coas mulleres palestinas. Denunciamos que o autoconsiderado ”mundo civilizado” está permitindo o xenocidio do pobo palestino. Causa arrepíos este espectáculo de morte e destrución executado polo sionismo e o papel cómplice dos gobernos occidentais. As traballadoras galegas estamos con Palestina!
Compañeiras, o día das mulleres traballadoras é un día de combate do machismo, deste sistema patriarcal que nos subordina, que nos utiliza para rebaixar o gasto social das administracións e para aumentar a plusvalía do capital. Mais as traballadoras galegas estamos dispostas a mudalo todo para conseguir un modelo social xusto e equitativo, sen explotación de xénero, nin de clase e con soberanía para todas as nacións.
Adiante coa loita feminista das traballadoras galegas! Viva o 8 de Marzo!