As insuficientes medidas para enfrontar a crise sanitaria provocan masiva destrución de emprego e desprotección social en Galiza
A afiliación á Seguridade Social caeu en Galiza no mes de marzo en preto de 10.000 persoas, pasando das 112.353 de febreiro, ás 102. 623 de marzo. Parello a isto, o paro rexistrado incrementouse un 4,96%, co que hai un total de 174.861 persoas desempregadas, 8.632 máis que no mes de febreiro. Porén, estes datos non inclúen ás 145.656 persoas atinxidas polos 27.797 ERTEs que estaban presentados en Galiza a data de 31 de marzo, segundo datos proporcionados polo Consello Galego de Relacións Laborais.
Por iso a CIG considera que os datos proporcionados polo SEPE non dan a medida real da grave situación na que nos atopamos e confirman que houbo despedimentos masivos de traballadores e traballadoras con contratos temporais.
Nese sentido, o secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle, subliña que “nos atopamos cun panorama onde moita xente está consumindo o seu desemprego sen visos de recuperalo, minguando así os seus ingresos. Outros traballadores e traballadoras están en ERTES, cedendo parte do seu salario e as/os máis precarias/os están sen ingresos, no mellor dos casos agardando por unha prestación que non chegará até maio”.
Un caos provocado por non se ter aceptado a proposta -que fixo a central sindical ao decretarse o estado de alarma- de aplicar un permiso retribuído para cumprir un deber inescusábel e crear un fondo público de compensación para as empresas. Unha solución que ao entender de Cartelle sería máis xusta para a maioría social e evitaría a actual situación.
Tardanza e insuficiencia das medidas
Ao seu entender esta situación vén provocada pola “insuficiencia e a tardanza nas medidas adoptadas polo Goberno do Estado xunto coa pasividade da Xunta de Galiza que condenan a gran número de traballadores/as ao desemprego”.
Unha tardanza que supón que “moitas das persoas afectadas non van poder ter ningún tipo de protección mais alá do consumo da prestación por desemprego, nos casos de quen a tiña, ou directamente a falta de protección para moitas persoas que nin tan sequera teñen acceso a prestación algunha”.
Por iso insiste en que é preciso un plan de acompañamento social que cubra as necesidades vitais. Unha proposta que fixo a CIG, tamén desde o primeiro día, e que “permitiría dar cobertura real a todas as traballadoras e traballadores, de forma efectiva”.
Lonxe disto Cartelle denuncia que o goberno do Estado o que fixo foi “poñer parches” que considera “insuficientes” e que mesmo foron mudando os Consellos de Ministros “nos sucesivos decretos, emendándose a si mesmos”, cando o que se precisan son “medidas globais, con alternativas máis amplas para o conxunto da clase traballadora”.
Neste sentido advirte de que a “canto máis se tarden en pór en marcha as necesarias medidas de protección social máis difícil será saír desta grave situación cando remate a situación de emerxencia sanitaria e contribuirá a estender a crise”.
Cazolada para #QueEscoiten
Cartelle lembra ademais que para trasladar o malestar que existe entre a cidadanía por mor da errática xestión e das e insuficientes medidas adoptadas para afrontar a crise sanitaria, social e económica, derivada da pandemia do COVID19, a CIG ten convocada para o vindeiro día 10 de abril, ás 12:00 horas, unha cazolada baixo a consigna #QueEscoiten, desde as fiestras.
Unha acción de protesta coa que se queren demandar medidas de protección social sen discriminación entre colectivos, garantías de que as familias teñen ingresos suficientes e que se cobran en tempo as prestacións, así como reforzar as medidas de prevención para garantir a saúde das traballadores e traballadores dos sectores que continúan a súa actividade.