As grandes cadeas de téxtil e calzado obrigadas a pechar na nova xornada de folga contra o convenio ARTE
Está convocada outra mobilización para o vindeiro 27 de maio, ás 12:00 horas, diante da sede da CEC, na Coruña
As traballadoras e os traballadores do comercio de téxtil e calzado protagonizaron este sábado unha nova xornada de folga para manifestar o seu rexeitamento ao convenio estatal ARTE. O secretario nacional de CIG-Servizos, Carlos Alján, salientou o éxito da convocatoria, coa que se conseguiu que todas as grandes cadeas de marcas, como Bershka ou Stradivarius, tiveran que pechar en cidades como A Coruña ou Pontevedra.
Con este novo día de folga, o persoal clama contra as grandes empresas do sector, que pretenden impor un convenio estatal que empeora as súas condicións laborais e salariais. As traballadoras e traballadores exixen, ademais, ás diferentes patronais provinciais que se senten a negociar un acordo interprofesional galego que blinde a prioridade aplicativa dos convenios provinciais.
A folga e as mobilizacións desta xornada fan parte da intensa campaña de protestas que está a desenvolver o sector contra o convenio estatal ARTE (Asociación Retail Textil España), a través do que a gran patronal procura recortar dereitos e centralizar as relacións laborais.
O persoal rexeita tamén o preacordo asinado o 23 de marzo pola asociación ARTE —que agrupa grandes multinacionais como Inditex, H&M, Mango, Primark ou Tendam— e os sindicatos CCOO e Fetico.
Mesas de negociación
O paro de hoxe é antesala das reunións da mesa negociadora de ARTE, previstas para os días 27 e 28 de maio e 2 de xuño en Madrid, nas que a patronal pretende avanzar cara ao peche definitivo do convenio estatal.
Ante esta situación, xa está convocada unha mobilización nacional na Coruña para o vindeiro 27 de maio, ás 12:00 horas, diante da sede da Confederación de Empresarios da Coruña, na Praza de Luís Seoane.
O obxectivo da protesta é reclamar que a patronal asine un acordo interprofesional galego que garanta a prevalencia dos convenios provinciais fronte ao estatal de ARTE.
Desde o sector critican especialmente a actitude da patronal coruñesa, á que acusan de bloquear calquera avance cara a un marco galego de negociación. De feito, denuncian que continúa sen constituír a mesa negociadora do convenio de comercio vario da Coruña, malia tratarse dun convenio caducado desde o pasado mes de decembro e pendente de renovación.
As traballadoras consideran que as mobilizacións desenvolvidas nos últimos meses evidencian a fortaleza e unidade do sector. Neste sentido, advirten de que non van aceptar retrocesos nos dereitos laborais, salariais e sociais conquistados durante anos de loita sindical nos convenios provinciais, mentres as grandes multinacionais continúan incrementando beneficios á custa de precarizar as condicións de traballo nas tendas.