O pobo galego toma as rúas de Compostela por unha CRTVG ao seu servizo e non ao do PP
Ao pobo galego impórtanlle os seus medios de comunicación públicos e preocúpalle tamén o secuestro ao que están sometidos. Por iso centos e centos de galegas e galegos tomaron as rúas de Compostela esta mañá para sumarse ás máis de 60 organizacións convocantes -entre elas a CIG- e ao Comité Intercentros e demandar do goberno, liderado agora por Rueda e antes por Feijóo, o seu rescate.
Así o demandaba tamén o presidente do comité intercentros, Tiago Alvite, ao inicio da mobilización, que partiu da Praza Roxa para rematar nunha ateigada praza de Praterías. “Os medios públicos de todas as galegas e galegos están a ser obxecto dun auténtico secuestro por parte do executivo galego”.
Un secuestro que, dixo, “se manifesta, na programación informativa, na manipulación continua e descarada dos contidos dos telexornais, en beneficio da forza política no goberno, o Partido Popular, e no resto da programación, no deterioro da variedade, do equilibrio e da calidade dos contidos destinados aos distintos públicos”.
Fronte a iso defendeu que se trata dun servizo público esencial “para garantir valores éticos e políticos esenciais como a igualdade e a non discriminación, o pluralismo político, social e cultural e para defender a identidade de Galiza, da súa cultura e a súa lingua”. Principios que considerou que son “radicalmente contrarios aos intereses particulares do PP, que non son outros que os de perpetuarse no poder”.
Alvite denunciou a nula atención que presta a CRTVG á infancia e á mocidade; a mala imaxe que reproduce das mulleres, “con reiterados e escandalosos episodios de violencia machista”, e a falta de perspectiva que ofrece da realidade social, laboral, económica e cultural do país e de todo o seu tecido social.
Nulo control social
Xunto a isto, denunciou a “nula participación e control social da xestión e da programación da CRTVG, que se están a deixar cada vez máis en mans privadas”. Toda unha serie de cuestións que considerou “todo o contrario dos valores que deben inspirar a actividade audiovisual das radios e televisións públicas”, entre os que salientou a defensa da independencia e a veracidade, a cohesión social e territorial; a promoción dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas; a defensa da identidade de Galiza, da súa lingua e da súa cultura.
Co respaldo deste grande mobilización social, o presidente do comité intercentros instou aos poderes públicos ao cumprimento da normativa do sector audiovisual público galego, nomeadamente a designación do Director Xeral por maioría cualificada do Parlamento galego e a aprobación do Estatuto Profesional e o Consello de Informativos.
Tiago Alvite exixiu ademais o establecemento do mandato marco, que fixa os obxectivos xerais que debe cumprir a CRTVG e a creación dunha autoridade audiovisual independente que vele polo cumprimento deses obxectivos.
Por iso, lembrou, “é polo que se está a mobilizar hoxe a sociedade galega, polo rescate dos medios públicos e para os poñer ao servizo das necesidades democráticas, sociais e culturais do noso pobo”.
MANIFESTO EN DEFENSA DA CRTVG
POR UNHA CRTVG AO SERVIZO DO POBO. RESCATÉMOLA!
Os medios audiovisuais públicos de Galiza son un servizo esencial que ten como misión difundir contidos destinados a garantir a cultura e a lingua galega, a independencia e a veracidade da información, o pluralismo, a cohesión social e territorial, a promoción dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas e a calidade da propia democracia.
Eses contidos son representacións simbólicas que afectan á maneira de oír, de ver e, en definitiva, de experimentar o mundo que vivimos, e, polo tanto, requiren dun papel activo da cidadanía á hora de establecer criterios orientadorese de vixiar o cumprimento dos mesmos; isto é, requiren da participación e do control social.
Porén,o executivo galego mantén SECUESTRADAS a nosa radio e a nosa televisión. Actuando ao servizo da forza política no goberno, a actual dirección da CRTVG antepón os intereses do Partido Popular aos valores de carácter ético-político nos que debe fundamentarse o servizo público, relacionados coas necesidades democráticas, sociais e culturais do noso pobo.
Alfonso Sánchez Izquierdo, designado a dedo hai 13 anos polo noutrora presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo,é expresión dun modelo de radiotelevisión que non garante a independencia do ente público. Que reduce a variedade, o equilibrio e a calidade do conxunto de programacións e servizos audiovisuais destinados aos diferentes públicos. Que posibilita a emisión noutras linguas distintas do galego. Que non potencia a participación e ocontrol social. Que dá entrada ao capital privado e deixa nas súas mans boa parte da programación da CRTVG, comprometendo os valores de servizo público antes mencionados.
Neste contexto, as organización sociais, culturais, sindicais, políticas e profesionais abaixo asinantes consideramos que a sociedade galega debe saír ao RESCATE do noso servizo público de comunicación audiovisual, e expresamos a nosa firme vontade de defender a existencia dunha radiotelevisión pública:
- Que garanta o respecto escrupuloso á obxectividade, a imparcialidade, a neutralidade, a veracidade e o pluralismo informativo, erradicando a manipulación e a cancelación de contidos e profesionais.
- Que recupere a perspectiva da realidade social, laboral, económica e cultural do país e de todo o seu tecido social, nos contidos informativos, divulgativos, educativos e de entretemento. A tal fin, garantirase o dereito de acceso, segundocriterios obxectivos de representación e implantación social, sen que poida excluirse ningún grupo social e co máximo respecto ao pluralismo e á participación democrática de toda a sociedade galega.
- Que recupere a cobertura territorial de todo o país e as desconexións locais, espazos fundamentais para o dereito da cidadanía a acceder ao que acontece na súa contorna máis próxima.
- Que promova e defenda a identidade de Galiza, da súa lingua e da súa cultura, co estímulo á produción editorial, teatral, músical, audiovisual e demais expresións artísticas e escénicasdo país.
- Que xogue un papel estratéxico na converxencia dixital e garantaa presenzado galego nas plataformas dixitais.
- Que fomente a través dos contidos a igualdade e a non discriminación, a diversidade sexual, integrando a perspectiva de xénero e fomentando accións positivas, así como o uso da linguaxe non sexista.
- Que preste especial atención á programación dirixida á infancia e á mocidade, por canto que representan o futuro da sociedade, recuperando unha das principais funcións para a que foi creada a Galega,o fortalecemento da Cultura e a lingua propias de Galiza, así como o seu papel educativo, socializador e galeguizador.
- Que dispoña da estrutura, dimensión e recursos materiais, orzamentarios e humanos necesarios para desenvolver con autonomía as misións de servizo público que ten encomendadas.
- Que cumpra a súa función estratéxica como motor do desenvolvemento da produción audiovisual independente, con transparencia e evitando a concentración das compras nun número reducido de provedores.
Por último, instamos aos poderes públicos de Galiza ao cumprimento da normativa do sector audiovisual público galego, nomeadamente a designación do Director Xeral por maioría cualificada do Parlamento galego; o establecemento dos obxectivos xerais que debe cumprir a CRTVG, a través do correspondente mandato marco; a aprobación do Estatuto Profesional e o Consello de Informativos, oua creación dunha autoridade audiovisual independente que vele polo cumprimento das misións de servizo públicoencomendadas á CRTVG, conforme aos principios expresados neste manifesto.