As dúas primeiras xornadas de folga no comercio de alimentación da Coruña deixan tendas e almacéns en mínimos

A CIG-Servizos prevé un seguimento maioritario no paro de mañá, mércores día 23, no que tamén haberá manifestacións na Coruña, Compostela, Ferrol e Ribeira
A Coruña - 22 Xun 2026

As dúas primeiras xornadas de folga no comercio de alimentación da provincia da Coruña xa se están facendo notar. Durante a xornada de onte, que afectou a aquelas tendas que teñen o domingo como día de apertura, houbo un importante seguimento e supermercados como Gadis de Melide non puideron abrir por falta de persoal. O paro deste luns está centrado principalmente na loxística e rexistra un seguimento similar ao da folga do 29 de maio, co almacén de Piadela baixo mínimos e a plataforma de distribución de peixe de Gadis completamente paralizada.

En canto ás tendas, o seguimento nesta xornada -na que só se despregaron piquetes informativos en Piadela- está resultando incluso maior do previsto polo que se agarda que mañá, martes 23, a folga sexa un rotundo éxito de participación.

Para a CIG-Servizos esta resposta maioritaria á convocatoria evidencia o rexeitamento unánime das traballadoras e traballadores ao bloqueo no que Gadis e Froiz manteñen a negociación colectiva e ás propostas de miseria que non garanten o mantemento da capacidade adquisitiva, non melloran as condicións laborais nin permiten avanzar nos dereitos sociais.

E isto malia que nos últimos anos as empresas están batendo récords de facturación e obtendo beneficios millonarios, mentres o seu persoal se empobrece e ve como empeoran as condicións laborais nun sector altamente feminizado, con elevadas xornadas parciais e unha sobrecarga de traballo continúa.

Prácticas de esquirolaxe patronal

Neste contexto, a CIG-Servizos denuncia que a patronal non ten vontade real de negociar e apenas se moveu da súa proposta inicial a pesar do esforzo da representación social que si fixo rebaixas substanciais na súa plataforma co obxectivo de facilitar un acordo de convenio.

Pero ademais, Gadis e Froiz non só non queren negociar, senón que a única resposta que deron ás convocatorias de folga foi manobrar para vulnerar este dereito fundamental, con prácticas de esquirolaxe que xa foron postas en coñecemento da Inspección de Traballo: chamamentos para realizar horas extraordinarias os días dos paros, trasladar persoal doutras provincias para suplir as compañeiras e compañeiros en folga, mudar as rutas de distribución da mercadoría, adiantar os pedidos das tendas, etc.

Unhas actuacións que, reitera a CIG-Servizos, só están provocando maior enfado entre as traballadoras e os traballadores e maior determinación para secundar a folga.

MOBILIZACIÓNS CONVOCADAS PARA O MARTES 23

 A central sindical chama a dar unha resposta contundente e a participar na folga e nas mobilizacións convocadas no día de mañá para demostrarlle á patronal  “que o sector non vai parar até lograr un convenio digno”.

  • A Coruña: ás 12:00 horas, manifestación dende a Praza de Lugo.
  • Compostela: ás 12:00h, manifestación dende o Gadis da rúa Montero Ríos.
  • Ferrol: ás 13:30h, manifestación dende o Gadis de Ultramar.
  • Ribeira: ás 12:00h, manifestación dende o Hiper Gadis.