As centrais sindicais toman a iniciativa e solicitan mediación ante a desaparición total da patronal do transporte e a pasividade da Xunta
Con sete exitosas xornadas de folga cumpridas, e diante da pasividade da Xunta de Galiza e do férreo inmobilismo patronal, as centrais sindicais acordaron tomar a iniciativa e solicitaron este venres unha mediación no AGA co obxectivo de desbloquear o conflito no transporte de autobús da provincia da Coruña.
Este paso adiante, que non implica a suspensión do calendario de folgas, “tamén nos permitirá coñecer formalmente -coa aceptación ou o rexeite da mediación-, cales son as intencións reais da patronal, se quere negociar ou non”, apunta Ernesto López Rei, responsábel de Transportes da FGAMT-CIG.
O representante sindical pon o acento no anómalo comportamento da patronal “porque ante un conflito desta dureza o lóxico é falar para tentar solucionalo, pero non temos sequera aberta unha mesa de negociación nin ningún tipo de contacto”. Tampouco houbo movementos neste tempo por parte da Xunta de Galiza que continúa desaparecida cando debería ser a principal mediadora e traballar activamente na resolución do conflito.
A Xunta é a administración titular dos contratos “pero que non lle importan nada nin as condicións de traballo do persoal nin o impacto que as folgas teñen os para milleiros de persoas usuarias que quedan sen servizo de autobús”, critica.
Ante este escenario, López Rei reafirma a determinación dos traballadores e traballadoras a seguir na loita até lograr un convenio digno e avisa que se este inmobilismo patronal responde a un intento de afogar o conflito “non o van conseguir”.
Avanzar en dereitos
O representante da CIG reitera a vontade de diálogo da parte social para avanzar nun acordo que mellore as condicións laborais e salariais do sector “e de aí que, por responsabilidade, solicitemos esta mediación”.
López Rei lembra que o convenio provincial da Coruña quedou obsoleto, que xa foi superado en moitas materias pola lexislación actual e que o persoal está cos soldos conxelados dende 2024.
Por iso, as principais reivindicacións refírense a un incremento salarial digno cunha cláusula de revisión conforme ao IPC real, á regulación da xornada -reducindo as horas de condución e limitando a xornada a disposición das empresas-, actualización do control horario, e mellorar os permisos retribuídos e os dereitos de conciliación.