As centrais sindicais advírtenlle ás auxiliares: "Haberá folga nas empresas que non apliquen os acordos"
As federacións de industria de CIG, UGT, CCOO e MAS compareceron este martes en rolda de prensa informar que van realizar un seguimento intensivo das auxiliares de Navantia que non están aplicándolle aos seus traballadores e traballadoras as condicións recollidas no convenio colectivo do metal da Coruña e advertirlles que, de non cumprir os acordos, "a próxima notificación que terán por parte dos sindicatos será a dunha convocatoria de folga".
O secretario comarcal da CIG-Industria de Ferrol, Vicente Vidal, explicou que as centrais sindicais mantiveron o pasado 21 de marzo unha xuntanza coas empresas urxíndoas a regularizar na nómina deste mes a aplicación dos acordos que veñen de ser incorporados ao convenio provincial. "Porén, detectamos que hai empresas que aínda non están cumprindo, ben porque non actualizaron os salarios polas táboas dos acordos, ben porque aplican outro convenio colectivo distinto, polo que lle remitimos unha carta esixíndolle que corrixan de inmediato esta situación e con carácter retroactivo", explicou.
Eficacia normativa dos acordos
Nesta circunstancia denunciou que se atopan os traballadores e traballadoras de empresas como Galictio, Bilfinger, Amarradores de Ferrol ou Kaefer que están prestando servizos dentro dos estaleiros de Navantia. "Se na próxima nómina continúan sen aplican os acordos a seguinte notificación que recibirán da parte social será a convocatoria dunha folga, que teñan claro que non imos consentir ningún incumprimento. Os acordos están dentro do convenio e teñen a mesma eficacia normativa que este", lembrou Vicente Vidal.
A este respecto, avanzou que dende o comité de Navantia tamén se vai esixir na próxima xuntanza da Comisión da Industria Auxiliar que se cumpran cos acordos e se aplique o convenio do metal da Coruña a todo o persoal das subcontratas que está dentro dos estaleiros. Neste senso, engadiu que dende a CIG "reivindicaremos a todas as auxiliares que apliquen o convenio de sidero, incluso no caso das oficinas técnicas e das enxeñerías".
Responsabilidade de Navantia
Vidal denunciou que ademais de non respectar os dereitos salariais do persoal, incumprir os acordos supón unha competencia desleal para aquelas compañías que si pagan polas táboas. "E precisamente un dos obxectivos de incorporar os acordos no convenio foi evitar esa competencia desleal entre empresas a conta de tirar os salarios dos traballadores/as. Por iso tamén apelamos á responsabilidade de Navantia, que debe ser a primeira en vixiar que se respecten os dereitos do persoal das súas contratas".