As cargas policiais ás portas da Deputación de Ourense deixan varios bombeiros feridos
O conflito que enfronta os bombeiros/as dos parques comarcais coa Xunta e coas Deputacións Provinciais está a intensificarse pola pasividade das administracións, até o punto de que as cargas policiais que se produciron hoxe ás portas da sede provincial en Ourense deixaron varios traballadores feridos. O colectivo continuará coas mobilizacións nos vindeiros días para reclamar que se retomen as negociacións para pactar unhas condicións laborais dignas.
Como consecuencia da acción dos “antidisturbios” da Policía española que custodiaban a entrada da Deputación, onde este mediodía estaba convocada unha nova protesta dos bombeiros/as comarcais, tres traballadores/as resultaron feridos. Un deles mesmo tivo que ser trasladado en ambulancia até o hospital e presenta fractura de tabique nasal. Tras a mobilización os seus compañeiros/as desprazáronse até o centro hospitalario, onde permaneceron concentrados/as, para interesarse polo seu estado de saúde.
O igual que na protesta do pasado venres diante da Deputación de Pontevedra, un cordón policial impediu que os bombeiros/as puidesen achegarse á porta do edificio provincial ourensá, producíndose momentos de tensión que remataron con varias cargas por parte dos axentes da unidade “antidisturbios”.
Neste senso, o presidente do comité de folga, Ángel Moldes, da CIG, explicou que a única pretensión dos bombeiros/as é “que nos reciban, e que convoquen a mesa de negociación para abordar o contido da proposta de convenio que lles achegamos en xullo, xa que aínda non nos responderon”.
Finalmente unha representación do comité de folga mantivo un breve encontro co presidente do este provincial, “que se comprometeu a mediar para que poidamos sentarnos a negociar o antes posíbel”. Con todo, o responsábel sindical quixo deixar claro que “o que temos de momento son só palabras, non hai ningún feito, nada confirmado”.
E fixo fincapé en que “teñen que chamarnos canto antes, esta mesma semana, porque as mobilizacións están a deixar bombeiros feridos. Hoxe mesmo temos un compañeiro que sufriu un golpe moi importante na cara”, lamentou.
Moldes lembrou que a principal demanda do colectivo, integrado por uns 500 traballadores/as, pasa por que as administracións fixen un calendario de negociacións para igualar as condicións de todos/as os bombeiros/as de Galiza e que se cumpra coa sentenza do TSXG que os recoñece como persoal laboral fixo.
Até conseguilo continuarán co calendario de mobilizacións previsto: este venres 27 desenvolverán unha protesta diante da Deputación da Coruña, mentres que o martes 31 desprazaranse até a de Lugo. Ademais, teñen convocada unha manifestación en Santiago para o próximo 17 de novembro.