As asembleas do persoal do transporte de viaxeiros/as aproban por unanimidade ir á folga o 31 de marzo
As asembleas de traballadores e traballadoras do transporte de viaxeiros/as por estrada realizadas nas catro provinciais aprobaron por unanimidade ir á folga o 31 de marzo en demanda do desbloqueo da negociación colectiva. Os catro convenios provinciais están paralizados e aínda que a mesa da Coruña, Ourense e Pontevedra mantén as reunións, nestas non se producen avances, mentres que a de Lugo nin sequera se reúne.
Esta folga será a continuación das manifestacións previas realizadas polo persoal do sector na Coruña e en Santiago de Compostela e, de non producírense avances, as centrais sindicais CIG, CCOO e UGT xa advirten que á volta de semana santa as mobilizacións se intensificarán.
Concentracións nas cidades
O día da folga, ademais dos habituais piquetes informativos, faranse concentracións nas estacións de autobuses das sete cidades galegas ás 11:00 horas, agás en Pontevedra, onde será ás 18:00 horas.
Neste senso, denuncian que á parálise dos convenios e á non actualización das condicións laborais, salariais e sociais do persoal, hai que sumar os reiterados incumprimentos dos convenios colectivos por parte da patronal, que levaron a que hoxe o sector estea altamente precarizado.
Aínda que neste sector a maioría dos cadros de persoal están formados por traballadores condutores, nos últimos anos o colectivo de acompañantes, maioritariamente integrado por mulleres, medrou de maneira considerábel. Estas traballadoras padecen unhas condicións de precariedade absoluta, tendo que aturar contratos de até media hora ou unha hora e incumprimentos salariais continuos.
Ás nefastas condicións do persoal isto engádeselle o estado lamentábel da flota de autobuses, con vehículos moi vellos que sofren avarías constantes que poñen en risco a seguridade no transporte.
Responsabilidade da Xunta de Galiza
Pero cómpre subliñar tamén que desta situación é responsábel a Xunta de Galiza, tanto a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade como a Consellaría de Educación, que permanecen cegas e xordas diante dos problemas do sector e nin sequera responderon as múltiples denuncias realizadas.
A Xunta de Galiza, no seu momento, sacou uns contratos infradotados economicamente, e a pesar disto a patronal presentouse incluso con rebaixas de até o 30% sobre o prezo de saída, coa idea de que poderían obter beneficios a conta de explotar as traballadoras e traballadores, precarizar as condicións laborais e deteriorar a prestación do servizo até límites insospeitados.
Basta con comprobar como día si e día tamén as persoas usuarias se queixan polos atrasos nos horarios, as deficiencias do servizo ou incluso porque o autobús programado non pasa pola parada.
O sector non está disposto a asumir máis recortes nin precariedade e por iso inicia unha nova xeira de mobilizacións.