As asembleas do persoal da ITV aproban a proposta trasladada pola empresa SyC Applus
As asembleas do persoal da Inspección Técnica de Vehículos (ITV) realizadas ao longo do país aprobaron a última proposta trasladada pola dirección da empresa concesionaria do servizo (SyC Applus). A ratificación por parte dos traballadoras e das traballadoras supón a desconvocatoria da folga indefinida.
Esta oferta presentouse no marco da mediación no CGRL e despois das cinco exitosas xornadas de folga que obrigaron a pechar as estacións de todo o país. A este respecto, o representante da CIG-Industria, Manolo Simón, salienta que por primeira vez a central nacionalista ten maioría simple na mesa (seis membros de 13), "e isto é un cambio que se notou na negociación".
Explica que se conseguiron avances importantes na redución da xornada anual, ao reducirse seis sábados de traballo ao ano. Até agora de cada oito sábados traballábase catro, pero a partir de agora serán tres. Este cambio fararase efectivo xa o 1 de novembro. Ademais recórtase unha hora a xornada do sábado, fixándose en 5:30h, o que supón 2,7 días de rebaixa da xornada máis.
Xunto a isto, auméntanse un día de vacacións (de 23 a 24 días) e mellóranse os días de libre disposición, que até agora había que recuperar ou descontar das vacacións. Deste xeito, o persoal con máis de 10 anos de antigüidade terá un día de libre disposición remunerado e outro non remunerado; a partir dos 20 anos, serán dous días remunerados e con 30 anos de antigüidade, tres días remunerados.
Sen topes nos incrementos e con cláusula de revisión
A nivel económico, o representante da CIG indica que para evitar que siga medrando a diferenza de retribucións que hai entre os distintos colectivos laborais, pactouse un incremento lineal para as categorías máis altas que será do IPC real máis un 2,9% para 2024; IPC real máis 1,9% para 2025; e IPC real máis 1,5% para os anos 2026 e 2027. Para o resto de colectivos os incrementos aplicarase sobre a súa categoría e serán do IPC real e o 0,7% para cada ano.
A partir do 1 xaneiro 2025, o persoal inspector, xefe de liña e xefe de equipo encadrado no grupo profesional 5 do convenio sectorial de referencia (que no caso das ITV galegas é o convenio de siderometal da provincia da Coruña) pasa ao grupo 4, polo que estes traballadores e traballadoras tamén verán aumentados os seus salarios.
Doutra banda, a gratificación salarial de 701 euros recollida en convenio incrementarase progresivamente até acadar os 1.101 euros a final de vixencia e deixará de ser un complemento vinculado ao absentismo: a partir deste convenio será fixo para todo aquel persoal que leve máis de 12 meses na empresa.
Xunto a isto, increméntanse as dietas das unidades móbiles, sube a quilometraxe, as dietas de manutención, aumenta substancialmente o plus de quenda rotatorio para persoal inspector de nivel 1 e administrativo -xa que era o colectivo que menos cobraba por este concepto-, e mellórase o complemento de IT por continxencias comúns.
Subrogación
Non menos importante, engade Simón, é que se acordou remitir á comisión paritaria do convenio de siderometal da Coruña que se inclúe ás ITV nos subsectores que teñen recoñecido o dereito á subrogación. Contar con esta garantía adquire maior importancia tendo en conta que no ano 2027 remata a actual concesión. Cómpre aclarar que o convenio das ITV é de ámbito galego, pero para todas aquelas materias que non están contempladas no seu articulado, o marco de referencia é o convenio de siderometal da provincia da Coruña.
O voceiro da CIG-Industria apunta que acadar esta proposta foi posíbel grazas á loita desenvolvida polo persoal e pon en valor o seguimento masivo que tiveron as cinco xornadas de folga convocadas neste verán. E aínda que esta non era a proposta que a CIG lle gustaría ter lavado ás asembleas, nesta negociación conseguíronse avances importantes, sobre todo en materia de xornada e salarios, e ficou demostrado que o sector ten capacidade de loita e está en disposición de organizarse na defensa dos seus dereitos.