As asembleas de traballadoras das residencias privadas acordan seguir coas mobilizacións por un convenio digno

Nacional - 23 Xan 2025

A CIG-Servizos realizou no día de onte asembleas de traballadoras e traballadores das residencias privadas para avaliar a situación de bloqueo da negociación colectiva e decidir as accións a levar adiante. As asembleas desenvolvéronse nas sete cidades en quenda de mañá e de tarde, e nas mesmas o persoal acordou proseguir mobilizándose até conseguir un convenio colectivo digno e que a Xunta de Galiza asuma as súas responsabilidades co sector.

As mobilizacións acordadas terán carácter provincial e a primeira será o vindeiro 14 de febreiro na Coruña. Ese día realizarase unha manifestación dende a residencia DomusVi da Cidade Vella até o edificio da Fundación Amancio Ortega no Obelisco. Rematando neste lugar búscase chamar a atención sobre a política mercantilista dos coidados da Xunta de Galiza, xa que todos os centros que a fundación do home máis rico do Estado español dona á administración galega acaban sendo de xestión privada.

Sen avances na negociación colectiva

Nas asembleas desenvolvidas este mércores advertiuse do empeoramento das condicións de traballo e dos salarios, da falta xeneralizada de persoal ou da sobrecarga física e mental que teñen que soportar as traballadoras, que deriva tamén no deterioro da atención que se presta as persoas usuarias. Nesta liña denunciouse a actitude da patronal, que en outubro pasado deu por rotas as negociacións do convenio galego logo de presentar unha proposta que deixa os salarios ao borde do SMI e que non supón ningún avance en materia social.

Dende entón, e malia as mobilizacións realizadas nos meses de novembro e decembro, a patronal  non moveu ficha nin contestou ás demandas para retomar as negociacións, afondando aínda máis na precariedade laboral e salarial. Todo isto, denuncia a CIG-Servizos, mentres as grandes empresas transnacionais controladas por fondos de investimento que controlan o sector seguen a obter beneficios, até o punto de que os sete grandes grupos ingresaron 1664 millóns de euros.

“Pero pouco ou nada lles importan as persoas maiores, que non son máis que números que engordan ás súas contas, nin as traballadoras, ás que pretenden condenar a miseria salarial e a unha explotación laboral perpetúa", alerta a CIG-Servizos.

A Consellaría de Política Social, desaparecida

Neste senso, critican a desaparición da conselleira de Política Social, Fabiola García, neste conflito, xa que nin sequera respondeu á solicitude de reunión trasladada pola CIG hai catro meses. Para a federación de Servizos resulta gravísimo este silencio cando Política Social ten as responsabilidades en materia inspectora e na regulamentación das condicións que deben cumprir as empresas, e tendo en conta que boa parte do negocio do sector procede das prazas subvencionadas.   

Porén, a única manifestación da Xunta nestes meses foi a modificación da orde que regula as ratios de persoal "pero non para incrementar o número de efectivos, senón na liña contraria, para eliminar a obrigatoriedade de contar con presenza física de persoal de enfermería as 24 horas do día naqueles centros con máis de 40 prazas asistidas".

A isto súmase unha problemática que se está a agravar nos últimos tempos, e que ten que ver coa transformación dos centros de maiores en psiquiátricos, xa que no último ano 3 de cada 10 novos ingresos foron de persoas menores de 65 anos con graves problemas mentais.

Por todo isto, as traballadoras continuarán na loita até contar cun convenio colectivo que contemple uns salarios dignos e unhas condicións laborais xustas “que nos permita vivir do noso traballo” e até "poder desenvolver as nosas funcións coa dignidade e o tempo que as persoas usuarias merecen e precisan”.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.