As asembleas de persoal ratifican o preacordo de convenio de Veolia-Viaquia e desconvocan as folgas do 24 e 27 de xullo

A CIG-Industria salienta a mellora das condicións laborais e salariais, que só foi posíbel grazas á loita desenvolvida polos traballadores e traballadoras
Nacional - 23 Xul 2026

Tras varios meses de negociación o comité intercentros de Veolia-Viaqua asinou no día de onte un preacordo de convenio colectivo que foi ratificado en votación polo 82,6% do cadro de persoal da empresa. Deste xeito ponse fin ao conflito que o persoal viña desenvolvendo dende hai meses en demanda dun convenio digno e permite desconvocar as xornadas de folga previstas para os días 24 e 27 de xullo.

A CIG-Industria salienta que neste convenio se conseguen importantes melloras laborais e salariais que afectan a todas as seccións da empresa: plantas depuradoras, rede de abastecemento de auga, departamentos administrativos, etc. Hai que lembrar que Veolia-Viaquia xestiona o servizo de auga nuns 50 concellos de Galiza.

Entre outras melloras acadadas, a central sindical destaca a redución da xornada laboral; a garantía do mantemento do poder adquisitivo; o incremento dos complementos de gardas, domingos e festivos e plus de penosos; a mellora das axudas de custe; o dereito á xubilación parcial; a creación dun novo complemento salarial para o persoal administrativo; o aumento do seguro colectivo e das axudas; ou o encadramento profesional dalgúns colectivos.

A CIG, que conta con 27 das 36 persoas delegadas que se escollen en Galiza, fai unha valoración enormemente positiva deste acordo, “que demostrou que a perseveranza da representación dos traballadores e traballadoras na negociación e a implicación do conxunto do cadro de persoal secundando a folga e as mobilizacións convocadas dan o seu froito. Unha vez máis, queda en evidencia que a loita é o único camiño para mellorar as condicións de traballo e a avanzar nos dereitos”.