As asembleas de persoal do transporte acordan retomar a folga o mércores 11 se non hai avances na negociación
As asembleas de traballadores e traballadoras do transporte de persoas por estrada celebradas na noite deste venres na Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol acordou reactivar a folga indefinida a partir do mércores 11 de febreiro, se non se producen avances significativos que permitan acadar un convenio colectivo digno.
Nas asembleas, que contaron coa participaron de arredor de 500 persoas, abordouse a complexa situación á que a patronal, UGT e CCOO teñen abocado o sector, e as dificultades que están pondo para retomar a negociación. Por parte do persoal, amosouse a firme determinación e férrea vontade para que a folga sexa un éxito nos seus obxectivos. Se a patronal pretendía con este preacordo e co alongamento do conflito dobregar os ánimos das traballadoras e traballadores, está conseguindo o efecto contrario: reafirmar o persoal na súa disposición a loitar por un convenio xusto.
Este luns, día 9, está convocada reunión da mediación ás 13h. A CIG reitera que, logo do contundente resultado da votación do preacordo, a patronal e as centrais sindicais deben rectificar e abrirse á negociación real e con resultados. Neste senso, apela a recompor a unidade sindical na defensa dunhas condicións laborais e salariais decentes para o sector. Resulta evidente que ao persoal non lle valen as propostas que hai enriba da mesa por insuficientes e, sobre todo, por recortar dereitos que xa teñen recoñecidos no convenio e por obviar o colectivo de acompañantes.
Neste contexto, hai que lamentar tanto o papel do Consello Galego de Relacións Laborais como, unha vez máis, o da Xunta de Galiza que permanece ausente dende o inicio do conflito, cando debería estar facendo todas as xestións necesarias para atopar unha solución, tendo en conta a importancia servizo público e dos intentos da patronal de querer impor unhas condicións que foron categoricamente rexeitadas polos traballadores e traballadoras.
Concentración o luns en Compostela
Previamente ao inicio da reunión da mediación, a CIG tamén ten convocada unha concentración para o luns, día 9, ás 11 horas na estación de autobuses de Santiago de Compostela (rúa Clara Campoamor).