As asembleas de persoal acordan a suspensión da folga ante a traizón de UGT e a indefinición de CCOO
A CIG, en atención a que UGT consumou a traizón da sinatura do acordo e que CCOO está aínda decidindo se asina ou non, celebrou na noite deste xoves asembleas de traballadores e traballadoras para decidir que facer coa folga. Ante o inaudito da situación e a imposibilidade de que a folga cumpra o seu obxectivo neste escenario, o persoal acordou suspender o paro indefinido dese hoxe mesmo en espera de que CCOO aclare a súa postura.
Na reunión da mediación de onte, UGT aceptou asinar un convenio de eficacia limitada en base ao preacordo existente (que foi rexeitado en referendo por aplastante maioría) e abandonou o encontro ao pouco de comezar. Apostar por un convenio de eficacia limitada -é dicir por un convenio con inseguridade xurídica porque non conta co aval da maioría da representación sindical- provoca unha situación caótica no sector.
Esta proposta de UGT haina que contextualizar na desesperación de imporlle ás traballadoras e traballadores un acordo inxusto, logo de dous meses de conflito, 12 xornadas de folga e dun referendo que arroxou un resultado incontestábel contra as condicións pactadas. Supón unha grave ameaza para todo o sector e un aviso do que pode pasar se non hai outro sindicato que asine ese convenio para darlle eficacia xeral.
Pola súa banda, os representantes de CCOO acudiron cunha nova proposta e pedindo aclaracións sobre varias materias á patronal, que quedou de dar unha resposta. En función desa contestación CCOO decidirá se firma ou non o acordo, mais sen que as partes se deran un prazo concreto nin quedara fixada nova data de reunión. Isto significa prolongar a incerteza sobre o conflito sen ningunha garantía de que o convenio que se asine non será o preacordo rexeitado e enterrado polo persoal.
O obxectivo: impor un acordo inxusto
Estamos ante un escenario totalmente inaudito no sector, que rompe toda a lóxica das anteriores negociacións e cuxo único obxectivo consiste en maquillar un acordo que as traballadoras e os traballadores non queren. As actuacións de UGT, CCOO e a propia patronal son dunha irresponsabilidade absoluta tanto co persoal do sector como co conxunto das persoas usuarias do servizo.
Todos estes movementos danse en resposta á firmeza, á determinación e á capacidade de organización demostrada polos traballadores e traballadoras na demanda dun convenio xusto. E veñen destapar e deixar ao descuberto o entreguismo sindical ante a mafia patronal que controla este sector, personificada no Grupo Monbús e no seu presidente, Raúl López, en perfecta sintonía co Goberno da Xunta de Galiza.
Todo isto nun contexto de vaga represora contra a loita obreira a través das intervencións policiais e da apertura de expedientes sancionadores ao persoal. Estase pretendendo afogar a folga mediante unha actuación policial represiva desmedida ao ditado dos intereses patronais e aproveitando a impunidade que permite a lei mordaza. Estas intervencións brutais constitúen un ataque á liberdade sindical, ao dereito fundamental á folga e á mobilización da clase traballadora polo dereito a ter unhas condicións de vida dignas, ao que a CIG dará cumprida resposta a todos os niveis.