As afectacións económicas do Covid-19

Hedelberto López Blanch - 13 Mar 2020

 Nun mundo globalizado onde os mercados e o intercambio comercial están abertos, calquera situación que ocorra nunha nación poderosamente económica, afecta a outros países do mundo. Este é o caso do coronavirus que apareceu en China e os seus daniños efectos se expanden polo orbe.

 O surto  de coronavirus que xurdiu na cidade de Wuhan, provincia de Hubei, causou grandes perdas á economía do xigante asiático que, para contrarrestar isto, despregou un enorme traballo científico, económico e humano que foi recoñecido polas principais organizacións mundiais e numerosos gobernos.

 Até o 4 de marzo, máis de 3.100 persoas faleceran, 100 .00 contaxiados (a maioría en China), ao redor de 60. 200 persoas foron dadas de alta tras a súa recuperación, mentres en 84 países se producían novos casos.

 Wei Jianguo, do grupo de expertos económicos de China, afirmou que, malia os danos polo covid-19, o país podería alcanzar ao peche do primeiro trimestre de 2020, o 5 % de crecemento do Produto Interior Bruto (PIB).

 Como un efecto bumerán, a enfermidade respiratoria afecta a moitas economías do mundo porque deteñen producións, intercambios mercantís, traslados de mercadorías e voos comerciais e turísticos, entre outros efectos.

 A Organización Mundial da Saúde (OMS) elevou a alerta a “nivel moi alto” en todo o mundo tras os casos de coronavirus que se detectaron en países como Italia, Estados Unidos, México ou Irán. Até o de agora, fóra de China identificáronse 1.450 casos, con primeiros contaxios en Nixeria, Dinamarca, Estonia, Lituania, Países Baixos e Islandia.

 O director xeral da OMS, Tedros Adhanom, anunciou en rolda de prensa en Xenebra que aumentaron “a avaliación de propagación e os riscos de impacto de Covid-19 a un nivel moi alto para o mundo”.

 Mentres, os mercados bursátiles experimentaron unha gran baixa a medida que se estende a epidemia do novo coronavirus. Os índices de Estados Unidos, a Unión Europea e Asia sufriron a maior caída dos últimos anos, posto que a situación empeorou fortamente fóra de China.

 As autoridades de Beixín anunciaron que fóra da provincia de Hubei, onde se atopa o foco da epidemia, o número de novos casos estivo diminuíndo durante máis de 20 días consecutivos, o que indica unha tendencia positiva na loita contra o virus dentro do país.

 Pero o problema é que a epidemia se espallou drasticamente fóra do xigante asiático con gran rapidez pois en Italia en poucos días os infectados subiron de cinco a preto de 1.200; en Corea do Sur xa hai máis de 2.100 casos; en Irán ao redor de 2.800 e en Xapón 1.050.

 Dos continentes asiático e europeo, o covid-19 saltou a América con casos rexistrados en Estados Unidos, Brasil, México, Ecuador, Paraguai, Arxentina e tamén a África con incidencia en Nixeria e ameaza a outros.

 O experto do Instituto de Ciencias Sociais de Shandong, Liu Xiaoning declarou que seica os investidores creen seriamente que o coronavirus se está convertendo nun problema global e que, mesmo, as dificultades dentro de China non poden deixar de afectar ao resto do mundo debido ao lugar que ocupa o xigante asiático na cadea de fornecemento mundial.

 Por exemplo, explicou Xiaoning, se os provedores chineses non cumpren a tempo as súas obrigas por causas de forza maior, isto afectará ademais a outras empresas que utilizan os seus produtos, aínda que puntualizou que até o de agora o impacto na economía mundial é limitado.

 Se continúa a expansión, moitos países pobres non poderán contrarrestala como esta facendo China e as súas economías caerían estrepitosamente. Por iso o chamado da OMS é a de tomar todas as medidas necesarias antes de que se propague con máis forza polo mundo.

 Polo momento xa se notan os efectos nalgúns aspectos pois caeron de vez os prezos de materias primas, incluído o petróleo que caeu próximo aos 50 dólares por barril.

 En Estados Unidos, o rendemento dos bonos do Tesouro a dez anos diminuíu cando os investidores empezaron a buscar un refuxio máis seguro para os seus recursos financeiros, mentres o ouro, un activo tradicional da crise, subiu de prezo a 1.650 por onza troy.

 Tras a confirmación en México do primeiro caso de coronavirus o peso caeu un 1,6 %, cotizándose ao redor de 19,81 por dólar, e así tocar un máximo de 19,89 pesos, nivel non visto desde setembro do 2019. De se detectaren novos infectados, estímase que superará a barreira psicolóxica de 20 pesos por billete verde.

 Os analistas aseguran a probabilidade de que Italia e Xapón sufran unha recesión, pois as súas economías xa mostraban unha situación negativa ao peche de 2019.

 De todos estes problemas se desprende a importancia de colaborar mundialmente con China e outras nacións para controlar e eliminar a epidemia que podería afectar aínda máis a delicada situación económica do mundo que antes do covid-19 os especialistas prognosticaban unha posíbel crise parecida ou superior á de 2008.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 19 de marzo de 2020]