“Ás administracións dálles igual o servizo de bombeiros e a atención á cidadanía”
O pasado luns, día 23 de outubro, o colectivo de bombeiros comarcais mobilizábase en Ourense en demanda de que se retomen as negociacións para conseguir un convenio digno. A concentración remataba cunha carga policial e un traballador ferido. Ángel Moldes, presidente do comité de folga, presidente do comité de empresa do consorcio de Pontevedra e portavoz da mesa intersindical galega conversou con AVANTAR para contarnos as razóns polas que están a convocar as protestas, a resposta que están a recibir das administracións ás súas demandas e os ánimos dos compañeiros e compañeiras do colectivo tras meses de mobilizacións.
Este conflito comeza hai meses. Como se orixina?
Comeza cando, en febreiro do ano pasado, o Tribunal Supremo unifica doutrina e di que os nosos postos de traballo, que están considerados como persoal laboral indefinido non fixo polas administracións, que recuperaron os servizos que estaban externalizados nos diferentes Consorcios provinciais, teñen que facer a conversión, segundo a doutrina europea, dos nosos contratos a persoal laboral fixo dos consorcios provinciais. Hai catro en Galiza participados ao 50% por cada unha das Deputacións e a Xunta de Galiza, agás no caso de Ourense, no que a Xunta de Galiza pon máis cartos, porque a Deputación ten a cargo o parque de San Cibrao das Viñas, polo que aporta o 62,5%.
Negociouse esa conversión?
Os responsables políticos, daquela, pediron que non denunciáramos, que ían actuar motu propio e aprobar en pleno a conversión da nosa figura contractual para darnos a fixeza que xa recoñece a doutrina do Supremo. Isto foi en marzo do ano pasado. Porén, para poder aprobar esa fixeza o que nos din é que se ten que aprobar un convenio único, porque na Galiza hai sete convenios diferentes, mesmo dentro das mesmas provincias hai tres, nalgún caso, con pequenas variacións como, por exemplo, que nun ten as baixas ao 100% e noutro nos primeiros catro días de baixa non se cobra.
Pero, finalmente, non houbo tal convenio único, non si?
Cada Consorcio –Xunta e Deputación de cada provincia- presenta unha proposta de convenio nas mesas xerais de negociación abertas, co mesmo modelo en todos os casos. Unha RPT sen valoración de posto e cunha contía económica ridícula e un convenio que, en moitos dos casos, tiña cousas que rebaixaban o que xa tiñamos. Ese foi o detonante das mobilizacións. E a día de hoxe, aínda non fixeron a conversión a persoal laboral fixo, como se comprometeran a facer, antes do 31 de outubro deste mes, porque din que non lles dá tempo. Conseguimos que sentaran a negociar, solicitamos un convenio único e convocamos folga o día 15 de xuño. As medidas que adoptamos foron a non realización de horas extra. Ninguén secundou folga desde aquela e os servizos mínimos estanse a incumprir a diario. Pechan parques por toda Galiza, varios ao día.
Quen ten a responsabilidade de que non se cumpran os servizos mínimos?
O propio Consorcio é quen está incumprindo os servizos mínimos porque decreta que ten que haber tres, en cada parque, mínimo, e el mesmo está pechando dous dos parques, a diario, porque non hai xente. Quixemos poñer de manifesto que as dotacións de persoal son mínimas, xa non abondan para garantir a nosa propia seguridade, que non o son, porque tres por quenda non somos quen de garantila e, moito menos, a seguridade de ninguén nunha intervención. O día 13 de xullo, coincidindo coa manifestación que fixemos aquí en Santiago, presentamos un borrador de convenio para negociar con todas as partes, no que incluíamos un incremento de persoal, para pasar de 17 bombeiros por parque, a 25. Para ter dotacións que permitan que sexan seguras, polo menos.
Terán que cumprir a normativa en materia de prevención de riscos e os protocolos de actuación en función do tipo de intervención?
Non a temos. Non hai lei sobre iso. Hai recomendacións europeas, pero non lei. Estamos denunciando agora, en Inspección de Traballo, tanto en Pontevedra, como na Coruña, como en todos os Consorcios, que se manifesten sobre os procedementos de traballo e se eses procedementos que temos aprobados nos diferentes consorcios son seguros. A Inspección xa está dicindo que con tres é imposible que sexa seguro para o traballador. Agora o que queremos é que figure por escrito e que, se hai que meter xente, se meta. Pretendemos elaborar a RPT, o antes posible, en cada un dos consorcios e terá que contemplar as dotacións necesarias por quenda.
Comentabas que a RPT nin sequera recollía a valoración de postos, terá que incluír iso tamén?
A RPT que eles nos presentaron non era unha RPT como tal, ao uso. Era un listado de traballadores, basicamente, porque coa masa salarial bruta que nós tiñamos fixeron como unha RPT, pero nin valoraron posto, nin o valor punto se sabe cal é. Non se valorou ningunha das especificidades respecto do complemento específico, non está valorado nin perigosidade, nin penosidade, nin nocturnidade, nin turnicidade, nin responsabilidade. Non está valorado nada. Iso é o que pedimos. Queremos unha RPT que diga unha cifra ao final. Eles o que nos din é que queremos cobrar como os municipais. Non, non, aquí ninguén está equiparándose a ninguén. O que queremos é que se valore o posto polo que estamos a facer e logo, xa veremos cal é o orzamento necesario e negociaremos como e cando chegarán eses cartos.
Como valorades, ante isto, a actitude das administracións?
Nefasta. Na primeira reunión todo foron boas palabras e acordamos un protocolo de traballo cunhas datas fixas, porque eles querían prolongar as negociación per sécula. Na segunda reunión xa viñeron a nada e na terceira non se presentaron. E agora estamos agardando a que nos volvan chamar. Dálles exactamente igual o servizo, a atención á cidadanía. Nun primeiro intre pensamos que a folga e a non realización de horas extra xa ía pechar parques e ían tomar medidas de inmediat,o porque era a primeira vez que se pechaba un parque por falta de persoal, peor parece que non lles importa.
Pero iso é un perigo. De feito en Vigo, por exemplo, xa se teñen dado problemas por estar parques pechados.
O concello de Vigo ten esa problemática, igual que o de Pontevedra. Case todos os servizos de emerxencias teñen a mesma problemática ca nós. O que ocorre é que nós partimos de dotacións mínimas de tres e eles parten de dotacións mínimas, por exemplo en Vigo, de 20 traballadores e o concello, por falla de persoal rebaixouna a 15. A carga de traballo que pode haber nunha cidade como Vigo é importantísima. É verdade que nós como bombeiros comarcais atendemos extensións enormes, de superficie e poboacións de máis de 100.000 habitantes, e facémolo con tres bombeiros, porque o traballo hai que facelo igual. Eles teñen incendios en máis alturas ca nós, porque os edificios de Vigo son máis altos, ou máis abaixo ca nós porque os garaxes son máis profundos pero a incidencia é basicamente a mesma.
Logo as vosas demandas refírense á conversión, ao convenio, máis tamén as necesidades do servizo.
Agora mesmo a conversión está fóra de xogo. Eles intentárono vender hai un ano e se o fixeran ben teriamos asinado e estariamos tranquilos. Ríronse de nós e a xente fartouse. Presentaron demandas postas para o recoñecemento da fixeza en todas as provincias.
Reivindicamos un convenio único para todos os bombeiros dos Consorcios provinciais que dignifique a nosa profesión e que valore o noso traballo"
Todas as estamos gañando. Por iso a conversión non entra en ningunha ecuación. Xa está feito. Os xuíces están a dicir que esa é a doutrina do Supremo e hai que cumprir e punto. Agora a reivindicación é un convenio único para todos os bombeiros de Galiza, dos Consorcios provinciais que dignifique a nosa profesión e que valore o posto, cunha RPT que recolla exactamente as valoracións do complemente específico que temos na nosa profesión. Que lles parece moito? Fixemos uns números ben feitos. Desde que llos presentamos en xuño non temos ningunha contraoferta, ningunha opinión. O único que nos dixeron en Ourense, onde estivemos reunidos con Luís Menor despois da manifestación foi que para eles é inasumible, que son moitísimos cartos. Vale, pois que nos digan cal é a súa oferta, en que punto de partida estamos para poder negociar. Por iso se chama negociación, non imposición. Nós despois levámolo a unha asemblea, a ver a onde podemos chegar e en canto tempo. Pero é que nin se sentan a negociar. É imposible resolver o conflito se as administracións non se sentan.
De aí que desde hai unhas semanas teñades máis mobilizacións convocadas.
Claro, o cambio de mobilización, tal e como se aprobou hai unha semana en asemblea é consecuencia de que non se presentaran á reunión que tiñamos convocada con 15 días de antelación. Dixeron que non puideran asistir porque tiñan o debate de autonomía. Logo non o sabían hai un mes? O Director Xeral de Emerxencias ten que ir ao debate a que, a velo? Porque a outra cousa non teñen que ir a nada. Estanse a rir de nós e a provocar que a xente se alporice.