Arrincan as mobilizacións do persoal do comercio vario da Coruña para a negociación do novo convenio provincial
Traballadoras e traballadores de comercio vario iniciaron mobilizacións este venres nas cidades da Coruña, Ferrol e Santiago para denunciar a negativa da patronal a constituír a mesa negociadora do convenio colectivo provincial da Coruña. A esta primeira xornada de protestas, que se realizaron de xeito simultáneo, seguirán novas mobilizacións o vindeiro 17 de novembro se non hai resposta por parte da patronal.
Ao berro de "Comercio vario, solución" ou "convenio digno para o comercio vario", as traballadoras e traballadores concentráronse diante do Zara da Praza de Galiza de Santiago, na Praza de Lugo da Coruña (onde están presentes un bo número de comercios que se rexen por este convenio) e no centro comercial Odeón de Ferrol.
O convenio de comercio vario (que afecta a todo o sector na provincia agás grandes almacéns e que rexe grandes grupos como Inditex ou Cortefield) finalizou a súa vixencia en decembro de 2015. As centrais sindicais CIG, UGT e CCOO denunciárono entón para iniciar unha nova negociación, mais atopáronse coa negativa das patronais afectadas a sentar a negociar.
Un bloqueo que impide que se poida constituír a mesa ao non haber “por parte das patronais, ninguén disposto a acudir”. De feito aseguran que nin sequera fixeron caso dunha solicitude de mediación tramitada a través do Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo explican os sindicatos convocantes, o problema é que este convenio só ten ultraactividade até o 30 de xuño de 2018 o que implica que se non se asina un novo, desaparece.
“Aplicarásenos o Estatuto dos/as Traballadores/as, sen ningunha mellora. Todos os nosos dereitos desaparecen e as consecuencias serán demoledoras. Non cobraremos o 100% nas baixas, conxelaranse os salarios, non haberá asuntos propios, poderían contratar novos/as traballadores/as cobrando só 707,60€ brutos, o SMI”.
Deixaría, en síntese, a todo o persoal de comercio nunha situación de precariedade total. Por iso, CIG, CCOO e UGT acordaron propor nas asembleas de traballadores/as un calendario de mobilizacións para presionar a patronal e que sente a negociar de unha vez.