Arrinca o calendario de paros laborais en Valoriza Auga cunha participación do 100% do persoal
Os traballadores que se encargan do mantemento da rede de sumidoiros da Coruña están a secundar este mércores paros laborais de tres horas por quenda para esixir a Valoriza Auga o desbloqueo da negociación colectiva e un incremento salarial que permita recuperar o poder adquisitivo perdido nos últimos oito anos. Na quenda da mañá, a totalidade do cadro de persoal secundou a folga e, para dar maior visibilidade á súa loita, realizaron unha concentración diante da sede de EMALCSA.
Alí, os representantes do persoal trasladaron un escrito ao director da empresa municipal de augas da Coruña, solicitándolle unha xuntanza para tratar a parálise na negociación do convenio colectivo e pedirlle que medie no conflito, pois "EMALCSA é a responsábel última do contrato e das condicións do servizo", aseverou o secretario comarcal da CIG, Xabier Filgueira.
Sen contactos coas empresa
O sindicalista denunciou que a dirección da empresa segue sen establecer contacto para tentar avanzar na negociación do convenio e nada se moveu da súa última oferta, "que non nos vale porque pretende atallar oito anos de conxelación salarial cun ridículo incremento que nin sequera permite recuperar o poder adquisitivo perdido. O único para o que nos chamou foi para falar dos servizos mínimos", lamenta. Neste senso, Filgueira criticou que Valoriza Auga desaproveitara a xuntanza deste martes sobre esta cuestión "para establecer unha negociación sobre os aspectos que están enriba da mesa, como o convenio ou a retirada das sancións aos traballadores".
Xunto a isto, Filgueira informou que a CIG vai recorrer no xulgados os servizos mínimos establecidos ao considerar que son excesivos e vulneran o dereito fundamental á folga. "Non teñen xeito os mínimos marcados, tendo en conta que estamos falando de paros laborais de tres horas e que a empresa impuxo unha actividade como a dunha xornada ordinaria: un camión en cada quenda. Consideramos que sería suficiente cun camión de garda en situación de dispoñibilidade, para atender as eventualidades que se poidan producir nese tempo", valora.
Responsabilidade do Concello e EMALCSA
O secretario comarcal da CIG censurou tamén que o Concello da Coruña "estea a lavar as mans neste conflito", remitindo a representación social á dirección de EMALCSA. "Con independencia de que nos dirixamos á empresa de augas, cremos que o Concello ten unha grande responsabilidade neste asunto para evitar que o conflito vaia a maiores. Por iso, pedímoslle tanto ao Goberno municipal como a dirección de EMALCSA que se impliquen dunha vez", asevera.
Os paros e concentracións continúan o xoves
O calendario de paros aprobado pola asemblea de traballadores, e que se estenderá ao longo de todo o mes de outubro, continúa mañá, xoves 4 de outubro, cunha nova xornada de paros de tres horas por quenda laboral. Ademais, o persoal ten previsto trasladar as súa reivindicacións até o Concello, cunha concentración ás 09:30 horas, na Praza de María Pita.
Para a vindeira semana, están convocados novos paros (no mesmo horario) para o mércores 10 e o xoves 11 de outubro.