Arredor do 80% do persoal de Linorsa secunda a folga na limpeza dos centros de saúde de Pontevedra e do Salnés
A folga, que estará vixente até as 24.00 horas do vindeiro domingo, afecta a un total de 22 centros de saúde e Puntos de Atención Continuada das comarcas de Pontevedra e do Salnés, onde desenvolven o seu labor no servizo de limpeza un total de 49 traballadoras/es.
Dende a CIG-Servizos denuncian que o Sergas publicou os servizos mínimos, fixados no 50%, e os horarios, “mais Linorsa non lles comunicou ás empregadas/os en que centros deben desenvolver a súa actividade laboral, polo que non se están a cumprir”.
Este extremo xa foi comunicado no día de onte tanto ao Sergas como á propia compañía, que seguen sen comunicar correctamente os servizos mínimos. As traballadoras/es aproveitaron a xornada de hoxe para concentrarse ás portas do ambulatorio de Vilagarcía e diante das oficinas do Sergas en Pontevedra, onde unha representación entrou no edificio para entregarlle un escrito ao responsábel de Recursos Humanos no que lle esixen que inste á empresa a pagar en tempo os soldos e a notificar os servizos mínimos.
Dende a federación de Servizos da CIG de Pontevedra amosáronse moi críticos co Sergas, a cuxa dirección acusan de “non facer absolutamente nada por rematar co conflito laboral” e que os centros de saúde permanezan sen limpar. Tamén lle esixen a rescisión do contrato coa empresa.
Finalmente, denuncian que Linorsa non teña tempo para comunicar correctamente os servizos mínimos “pero si para coaccionar o persoal para que non secunde a convocatoria de folga”, en alusión a un encargado da empresa que está a chamar por teléfono ás traballadoras/es para intentar que abandonen a mobilización.
NOVAS RELACIONADAS: O persoal Linorsa en Lugo acorda ir á folga indefinida para esixir o cobro dos seus salarios
As traballadoras de Linorsa iniciarán unha folga indefinida nos centros de ensino da comarca de Compostela o 18 de maio